A FCM-CIG organiza unha xornada sobre o roubo dos plans privados de pensións no sector da Construción

O venres 12 de abril, a partir das 10h, no salón de actos do edificio sindical da Coruña

A Coruña -

A Federación de Construción e Madeira da CIG (FCM-CIG) ten organizada para o próximo venres, 12 de abril, unha xornada informativa sobre as consecuencias que ten para a clase obreira e para o sistema público de pensións a implantación dos plans de pensións de emprego e, particularmente, analizar o único plan deste tipo xa operativo, que afecta ao sector da construción e ás súas actividades afíns.

A xornada, que se desenvolverá no salón de actos do edificio sindical da Coruña a partir das 10h, abrirase coas intervencións do secretario nacional da FCM-CIG, Plácido Valencia, e o secretario comarcal da FCM-CIG, Mario Maceiras, que ofrecerán a visión sindical sobre esta cuestión.

A seguir, intervirá Héctor López de Castro, avogado da CIG e asesor xurídico, que abordará a implantación dos plans privados no sector da Construción e que implicacións ten para os traballadores e traballadoras. A xornada concluirá coa intervención do economista e escritor, Xabier Pérez Davila, que avaliará os efectos deste mecanismo para o sistema público de pensións.

Os plans de pensións de emprego (PPE) aprobados na Lei 12/2022, de 30 de xuño, afondan na privatización do sistema público ao promover -mediante a negociación colectiva- plans de pensións privados en cada sector que son xestionados por entidades financeiras ou aseguradoras, e que ademais se pretenden utilizar para avanzar na estatalización da negociación colectiva.

O primeiro sector no que se estabeleceu a obriga de crear un PPE foi o da construción, precisamente a través do convenio colectivo estatal, afectando tamén ás súas actividades afíns: Obras Públicas, Edificación Civil, Conservación de Infraestruturas, Canteiras, Graveiras e Areeiras, Pintura, Prefabricados e Derivados do Cemento, Pedra e Mármore, etc.

A CIG oponse á creación destes plans privados que se nutren a conta de detraer parte dos incrementos salariais que se pactan no convenio colectivo para o persoal. A FCM-CIG, nos ámbitos de negociación provincial, vén reclamando que estes plans teñan carácter voluntario, sexan de xestión pública e con apoio gobernamental para garantir os seus fondos, e que as achegas non supoñan unha redución salarial para os traballadores e traballadoras.

Volver