CIG-Correos solicita na Inspección de Traballo o peche do CTA Lavacolla por risco biolóxico

Denuncia que o persoal está traballando entre ratas, cascudas, insectos e outros microorganismos

Compostela -

CIG-Correos vén de presentar unha nova denuncia perante a Inspección de Traballo reclamando o peche, por risco biolóxico, do CTA de Lavacolla, en tanto non se proceda á limpeza e desinfección do centro de traballo. Denuncia que o persoal desenvolve a súa actividade en presenza de ratas, cascudas, insectos e outros microorganismos, tal e como consta no informe elaborado polo propio servizo de prevención de Correos.

O CTA de Correos (Centro de Tratamento Automatizado) realiza a clasificación da correspondencia e paquetería para toda Galiza. No centro de Lavacolla traballan unhas 150 persoas repartidas en tres quendas, sete días á semana. Este persoal, segundo denuncia a CIG-Correos, está traballando en condicións insalubres. Xa hai aproximadamente 15 días, o servizo de prevención de Correos confirmaba que había un risco moderado e advertía da posibilidade de que a curto prazo se elevara a risco grave. “Ao noso entender isto é xusto o que está pasando agora”, explica Manuel Anxo Álvarez Amado.

Por iso, na denuncia presentada, debido ao deterioro froito da falta de limpeza das instalacións “hoxe a xeración de microorganismos e ratas, cascudas e outros insectos, está descontrolada”, explican.

Na denuncia advírtese ademais que a situación “é límite”. “Non temos máis que imaxinarnos a situación de 150 persoas utilizando diariamente os 40 urinarios que hai, que levan sen limpar desde hai máis de mes e medio”, sinala Álvarez Amado.

Por iso, a CIG-Correos reclama o peche da instalación mentres non se resolva o grave problema de falta de hixiene que hai neste momento. Advirte ademais de que “se nos vindeiros días non se dá solución a este problema presentaremos máis denuncias diante doutros organismos e non descartamos tentar paralizar o centro de traballo”.

A semana pasada xa houbo mobilizacións do persoal de Correos da oficina do Franco e da unidade de reparto de Costa Vella, tamén para denunciar as condicións insalubres nas que está traballando o persoal destas oficinas.

A este respecto, Álvarez Amado considera que “a imaxe que Correos está dando ao público, que tamén se ve afectado pola ausencia de condicións hixiénicas das oficinas, é denigrante. Non é normal que a xente que vén enviar un paquete teña que andar saltando montes de porcallada”.

Volver