Asinado o novo convenio colectivo e a RPT dos bombeiros comarcais de Lugo

Tras máis dun ano de negociación a nivel galego e unha dura loita do persoal pola dignificación das súas condicións

Lugo -

Despois dun ano de negociacións a nivel autonómico e de algo máis de medio ano de folga galega, os bombeiros e bombeiras dos parques comarcais de Lugo chegaron, no día de onte, a un acordo para asinar un novo convenio colectivo e unha Relación de Postos de Traballo.

A representación sindical do persoal bombeiro comarcal de Galiza, xunto coa Deputación provincial de Lugo e a Xunta -que conforman o Consorcio Provincial de Lugo para a prestación do servizo contraincendios e salvamento- asinaron o convenio colectivo que vai rexer as novas condicións dos e das profesionais.

Tamén se aprobou a nova Relación de Postos de Traballo (RPT) que contempla un incremento de persoal para os seis parques que conforman o Consorcio. Reforzar os efectivos era unha das principais demandas da representación dos traballadoras e traballadoras que por fin "se ve satisfeita e que é un logro desde que no ano 2011 botaran a andar este parques".

A este respecto, salienta quen  nova contratación de efectivos que trae a RPT "mellorará substancialmente a prestación do servizo que se presta á cidadanía".

Explican que esta nova RPT encadra o persoal dentro do organigrama do ente público finalizando así coa estabilización dos bombeiros e bombeiras e "xerando seguridade laboral aos e ás profesionais das emerxencias do Consorcio de Lugo". A firma do novo convenio colectivo permite, ademais, a unificación e mellora das condicións existentes regulando aspectos como a xornada laboral, permisos, licenzas, etc.

"O Consorcio Provincial de Lugo é o primeiro dos Consorcios galegos en chegar a un acordo satisfactorio para as partes. Nas vindeiras semanas espérase que o resto dos Consorcios Provinciais poidan chegar ao ansiado acordo entre a parte sindical e as administracións ", valoran.

Volver