Asinado o convenio colectivo de Hostalaría da provincia de Ourense

A CIG-Servizos valora un acordo que incorpora melloras sociais e salariais

Ourense -

Sindicatos e patronal veñen de asinar o convenio de Hostalaría de Ourense, que regula as condicións laborais de 5468 traballadores/as en toda provincia. O acordo, que estará vixente durante 2022, 2023 e 2024, introduce melloras sociais e salariais e pesar de que o sector foi un dos máis castigados pola pandemia da covid.

Segundo explican dende a CIG-Servizos de Ourense, o incremento de soldos pactado contempla unha suba do 6,5% para 2022, porcentaxe que incluso se supera nalgunha categoría laboral. Para 2023 e 2024 o aumento salarial será do 2%, aínda que se o IPC supera o 2% aplicarase unha cláusula de revisión salarial con efectos retroactivos en cada un dos anos de vixencia do convenio, garantindo así que non se perda poder adquisitivo. 

O acordo fixa unha suba do 6,5% para 2022 e do 2% para 2023 e 2024

Tamén se incorpora un incremento económico para os complementos en especie e os servizos extraordinarios, que será na mesma porcentaxe fixada para os salarios. Engádese así mesmo un artigo de compensación e absorción polo que ningunha mellora que na actualidade teñan as persoas traballadoras poderá ser absorbida ou compensada. Inclúese un plus de formación, obrigando ás empresas a formar ás persoas traballadoras ou, pola contra, a abonarlle 25 euros nas 14 pagas.

Deste xeito, p un camareiro/a percibirá de media este ano 70 euros máis ao mes do que cobraba o ano anterior, polo que ingresará 980 euros máis ao ano. No caso de non recibir formación, percibirá 25 euros máis en cada unha das 14 pagas.

Campaña informativa no sector

Ao mesmo tempo, auméntase un día de asuntos propios, pasando de dous a tres. Neste senso, dende a CIG-Servizos lembran que os dous días dos que se gozaba até o de agora figuraban só dende o convenio anterior. Tamén se contempla a opción de dividir a hora establecida por lei para o coidado de bebe lactante en dúas fraccións, ao comezo e/ou ao final da xornada. E a acumulación do permiso de lactación será de 18 días (en lugar dos 16 que fixaba o anterior convenio).

Dende a CIG-Servizos de Ourense valoran moi positivamente o acordo, “dándolle o valor engadido da dificultade que ten negociar neste sector e neste momento”. A maiores, salientan o feito de que non se teña perdido ningunha conquista anterior, como é o caso da percepción do 100% no caso de baixa por enfermidade ou accidente. Finalmente, anuncian que porán en marcha de inmediato unha campaña informativa no sector para dar a coñecer o contido do convenio.

Volver