A maioría do persoal repartidor de Pizzerías Cambalache está secundando a primeira xornada de folga

A Coruña -

O persoal repartidor da coñecida cadea de restaurantes Pizzerías Cambalache está secundando este venres a primeira das catro xornadas de folga convocadas para reclamar o abono dos atrasos de convenio, o dereito á manutención e a que se lle amplíe a xornada laboral. O seguimento do paro, explicou o presidente do comité, Iago Barros, está sendo maioritario e isto déixase notar no servizo, pois a empresa desprogramou o sistema web para que non se poidan facer reservas online e en varios restaurantes non se recollen os pedidos por teléfono.

Barros subliñou que dende a convocatoria da folga "e a pesar das chamadas telefónicas e a intermediación na Inspección, a empresa fixo un movemento que non logramos entender, que é citarnos para o día 26", cando xa pasaron os catro días de folga e co impacto económico que ten non realizar o reparto da domicilio en venres e sábados. "Manifestámoslle a nosa disposición a reunirnos de maneira inmediata, pero como resposta só recibimos a insistencia en que a reunión sería o 26 de xuño. Parécenos unha conduta pouco profesional", valora.

Para darlle máis visibilidade as súas demandas e explicarlle á clientela cales son os motivos da folga, os traballadores e as traballadoras concentráronse durante tres horas diante do restaurante que a empresa ten no Paseo de Ronda, onde berraron consignas como "queremos cobrar os atrasos de convenio" ou "non pode ser, curro en Cambalache e non me dan de comer".

A folga continuará este sábado, día 17, e o persoal volverase concentrar, mais desta volta será ás 12 h, diante do restaurante que a empresa ten no Burgo (Culleredo), na rúa Ramón Cabanillas.

Requirimento da Inspección incumprido

O presidente do comité explica que o detonante da convocatoria está na negativa reiterada da dirección a pagar os atrasos salariais xerados polo cambio de convenio. Cómpre lembrar que o persoal repartidor estaba regulado polo nefasto convenio Prodelivery negociado en Madrid por CCOO e UGT, pero coa loita sindical, conseguiuse incorporar a este persoal no convenio provincial de hostalería. As diferenzas salariais xeradas por este cambio, son as que a empresa non lles quere pagar..

A CIG denunciou este incumprimento na Inspección de Traballo que resolveu sancionando a empresa e requiríndolle que procedera ao pago das débedas. Porén, Pizzerías Cambalache non só non acatou o requirimento, senón que mesmo cuestionou a resolución inspectora.

Pero ademais de reclamar os salarios que lexitimamente lle corresponden, con esta folga, os traballadores e as traballadoras tamén quere demandar unha mellora das condicións laborais e que se lle recoñeza o dereito á manutención, xa que son o único colectivo do persoal de restaurantes sen dereito a comida. E xunto a isto, estanse mobilizando contra a precariedade derivada do abuso que fai a empresa das xornadas parciais, que os condena a ter salarios de miseria.

De feito, dos 40 repartidores e repartidoras que ten Cambalache "só unha persoa ten contrato a xornada completa. O resto ten xornada parcial con horas complementarias semana a semana sen consolidar, que impiden organizar a vida e que anula as expectativas de consolidar por contrato unha xornada de traballo maior".

Volver