As traballadoras do SAF de Cariño iniciarán mobilización se a empresa continúa sen cumprir co convenio

Cariño -

As traballadoras do SAF do Concello de Cariño acordaron iniciar mobilizacións se a empresa adxudicataria, Os ventos innovacións en servizos, continúa sen cumprir co convenio colectivo. Entre outras cuestións, a CIG-Servizos de Ferrol denuncia que non se respectan os descansos semanais, realízanse xornadas diarias máis longas do permitido, fanse xornadas de traballo en máis franxas horarias das autorizadas e, por enriba, os salarios abónanse con atraso mes tras mes.

A pesares de ter acudido a Inspección de Traballo e de normalizarse "máis ou menos a situación, nos últimos meses a organización do servizo volve ser caótica, negándoselle os dereitos ás traballadoras", denuncia Francisco Cartelle, secretario comarcal da CIG-Servizos.

Hai que subliñar que o servizo de axuda no fogar de Cariño estase prestando sen concurso público dende finais do ano 2019. Esta situación irregular deixou o SAF nun punto crítico xa que, por unha banda, os prezos da anterior adxudicación quedaron fóra do actual rango no sector e, por outra, fan inviábel o financiamento do servizo.

"Os problemas para financiar o SAF provocan que o Concello de Cariño lle adebede á empresa meses dos custes dos servizos xa prestados. E isto á súa vez deriva en que a empresa se atrase no pago dos salarios ás traballadoras", explica.

Diante disto, os novos pregos "son vitais para poder normalizar a situación e para a estabilidade económica do persoal que o presta". Mais destes novos pregos, que xa deberan estar elaborados polo anterior goberno do PSOE, "nada se sabe e semella que o actual goberno do PP, máis alá de boas palabras, non dá comezado a súa tramitación".

Mentres tanto, apunta Cartelle, é fundamental que se faga fronte ao pago do servizo e se regularice, pois as traballadoras non poden ser as vítimas dunha empresa que non cumpre o convenio nin dun Concello que non abona os pagos do servizo.

Volver