As traballadoras das tendas de Inditex conmemoran o aniversario da súa loita reivindicando as melloras que ficaron sen negociar

Nacional -

As dependentas das tendas de Inditex na provincia da Coruña conmemoraron este pasado domingo o aniversario do inicio da loita grazas a que conseguiron un incremento dos seus salarios de máis de 400 euros ao mes. Pero con este acto reivindicativo tamén reclamaron da multinacional que reabra as negociacións para abordar aquelas demandas que quedaron pendentes hai un ano.

Na mobilización, realizada na Porta Real da cidade da Coruña, por ser o lugar no que rematou a manifestación impulsada pola CIG o pasado ano que marcou o inicio das mobilizacións, as traballadoras lembraron os atracos e os intentos de botar abaixo a súa loita por parte das mesmas organizacións sindicais que agora pretenden "apoderarse do que conseguimos nós, as traballadoras galegas que sabemos que os avances non se conseguen en Madrid".

Por iso, fronte ás manobras de Inditex para centralizar e afastar a negociación colectiva das traballadoras tanto no marco das negociacións propias como a través da nova patronal ARTE, as dependentas organizadas arredor da CIG defenderon o seu dereito a negociar aquí e non en Madrid todas as cuestións que afectan as súas condicións laborais e salariais.

Neste senso, subliñaron que no ano 2016, despois das mobilizacións impulsadas pola CIG, conseguiuse aquí o primeiro acordo global que permitiu aumentar os salarios co plus sede e plus provincia, a regulación do art. 15 que derivou nos incrementos de xornada, mellorar as licenzas, descanso, excedencias, etc. E en 2022 logrouse unha mellora histórica dos soldos e condicións "sempre coa CIG liderando e deseñando as estratexias e os tempos desta loita obreira que non vai cesar nunca".

Pero, na concentración do domingo apuntaron que aínda queda moito traballo por diante pero "témolo que conseguir aquí. Non podemos depender de quen pretendía impedir a revolta das dependentas, de quen quería pactar unha pequena suba e de quen quere afastar a negociación do territorio das dependentas máis combativas, as da CIG".

Entre outras das demandas pendentes de acadar sinalaron o dereito a comida como xa teñen o resto dos traballadores e traballadoras da empresa na provincia da Coruña, que se compense adecuamente a permanencia e antigüidade, o plus de traballo en tarde e sábados, ampliar as axudas sociais ou que se apliquen as reducións de xornada en función da idade que xa existen noutras empresa do grupo.

Volver