As consecuencias da folga da limpeza xa son evidentes, pero a patronal mantén paralizada a negociación

Lugo -

No quinto día de folga no sector da limpeza, as traballadoras proseguiron cos piquetes informativos e as accións de rúa para visibilizar un conflito que, a pesar das consecuencias que ten, non adoita ocupar as portadas dos medios de comunicación. Por iso, para o vindeiro luns, 23 de outubro, o persoal acordou realizar unha performance reivindicativa ás 11 horas, na Praza Maior, que consistirá nunha 'colgada' dunha das súas ferramentas de traballo máis simbólicas: a fregona.

A limpeza é un servizo esencial, tal e como quedou demostrado durante a pandemia e como se está a evidenciar na folga indefinida que as traballadoras e traballadores iniciaron o pasado luns. Aínda que as consecuencias do paro xa se notan en centros de saúde, colexios, dependencias administrativas, comercios ou industrias, a patronal continúa ninguneando o conflito, sen contestar a última proposta da parte social e sen concretar data de reunión da mesa.

Ante este desprezo, un dos obxectivos dos piquetes informativos é visitar os distintos centros de traballo que teñen contratados servizos de limpeza para explicarlles as compañeiras e compañeiros desas empresas os motivos da folga, cales son as súas reivindicacións e a situación de bloqueo na que a patronal estatal, ASPEL, mantén a negociación do convenio provincial.

Neste marco, hoxe venres, as traballadoras en folga achegáronse até o Centro Comercial das Termas e até ás instalacións de Europastry, xa que tanto as tendas como a compañía panadeira teñen externalizada a limpeza. Alí, explica Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos, pedíuselle ás  traballadoras e traballadores que se solidaricen coa loita do sector e que non boicoteen o seu dereito á folga asumindo as tarefas de limpeza dos seus centros de traballo.

"A responsabilidade de que nas dependencias públicas e nos centros de traballo se vaia acumulando a sucidade non é das traballadoras, que están exercendo o seu lexítimo dereito á folga; é culpa dunha patronal que non asume as súas responsabilidades e aposta por prolongar o conflito, condenando o persoal a unhas condicións laborais e salariais de precariedade", asevera Castiñeira.

Concentración diante de EULEN

De aí que, onte xoves, se fixera unha concentración diante de EULEN, unha das empresas que integran ASPEL que conta con oficinas en Lugo. "Se a patronal considera a limpeza como unha actividade esencial para xustificar pedir uns servizos mínimos do 100%, ten que darlle a mesma consideración á hora de recoñecer uns salarios dignos para o sector. Non pode ser que nunha actividade esencial e na actual situación de medre da carestía, as traballadoras sigan cobrando por debaixo do SMI e ademais pretendan recortarlles a antigüidade", denuncia Castiñeira.

Volver