A UdC decide rescatar o servizo de limpeza e a patronal estatal manobra para impedir que se materialice o cambio

A Coruña -

A CIG-Servizos compareceu este luns en rolda de prensa para rexeitar a actitude intolerábel de ASPEL, a patronal estatal da limpeza, que está a pór todo tipo de trabas para que a Universidade da Coruña poida efectivizar o rescate deste servizo e pasar a xestión directa deste dende a súa fundación.

Paulo Rubido, da CIG-Servizos, parabenizou a decisión da UdC de rescatar o servizo e instou a outras administracións públicas a seguir este exemplo e recuperar a xestión directa de actividades que se privatizaron "co único obxectivo de deteriorar as condicións laborais e salariais do persoal".

Pero a efectivización deste cambio para as traballadoras e os traballadores que realizan a limpeza nos campus da UdC (unhas 140 persoas) estase a dilatar de maneira inesperada a causa da voracidade das empresas. ASPEL impugnou a resolución da universidade pola que transfería o servizo de limpeza á fundación, impedindo deste xeito que se materializara o cambio no prazo previsto.

"A voracidade destas empresas non ten límite", denunciou Rubido. "Queren seguir comendo das administracións e poñen paos nas rodas para atrancar o proceso".

Apuntou que a UdC xa corrixiu os erros aducidos por ASPEL no seu recurso e agárdase que a transferencia do servizo se faga efectiva o 1 de novembro, pero coa incerteza de se a patronal vai xudicializar este proceso. De ser o caso, Rubido xa avanzou que a CIG actuará en consecuencia e por todas as vías para evitar que a avaricia do empresariado impida o rescate do servizo.  

Volver