A primeira folga nacional galega

Manuel Mera -

Foron 23 días de folga na cidade de Ferrol e tres días de folga solidaria en toda Galiza. Se cadra sexa este o antecedente máis certo das tres folgas xerais que durante o ano 1984 se fixeron no noso país, tamén neste caso por mor do desmantelamento do sector naval

 Durante a Segunda República, en maio de 1932, despois de moitas actitudes e respostas confusas, o Goberno de Manuel Azaña decidiu o despedimento dunha parte dos obreiros na Constructora Naval de Ferrol por “falta de carga de traballo”. Os operarios esixían que se construíse cando menos un barco, como unha saída transitoria para evitar cesamentos, confiando en que se superaría a crise. O estaleiro tiña 4.000 obreiros.

 No momento a situación económica era complexa. Lembremos que a crise do ano 1929 nos Estados Unidos se foi estendendo á periferia, tamén no Estado español (EE), polo que neste último o 1 e 2 de maio houbo enfrontamentos entre comunistas e forzas da orde, con mortos e feridos.  Pola súa banda os anarquistas axitaban o día 29 de maio con folgas e mobilizacións. Ao mesmo tempo ORGA (Organización Republicana Galega Autónoma), que era unha forza de peso político en Galiza, animaba o debate no Estado a prol da autonomía das nacións periféricas. Na nación galega a polémica polo Estatuto estaba no centro do debate, e con tal fin facíase unha reunión no concello de Compostela de parlamentarios e representantes sociais. No eido internacional destacaban a situación en Alemaña, o triunfo das esquerdas en Francia e a revolución socialista de Chile.

 Marcado moi brevemente o contexto, imos ao conflito na Constructora Naval. O 1 de maio de 1932 facíase un mitin no teatro Jofre, que xa estaba cheo unha hora antes de comezar o acto, valorando o xornal El Pueblo Gallego, que se editaba en Vigo, en 5.000 as persoas que acudiron. Nesta xuntanza tomáronse varios acordos entre os que estaban a esixencia ao Goberno de que construíse un barco, e que os concelleiros da comarca dimitisen como medida de presión, se llo pedía o “Comité de la Defensa de los Intereses de Ferrol”. Todo ficaba á espera da decisión que tomase o Consello de Ministros. O día 12 de maio prodúcese un intento de asalto á polvoreira do Arsenal e un tiroteo intermitente que dura catro horas; ao día seguinte o Gobernador desmente a noticia, mentres que El Pueblo Gallego indica que a confirmou co xefe da polvoreira.

 O día 18 prodúcese o primeiro despedimento. A contestación das organizacións obreiras, entidades empresariais, Círculo Mercantil e outras entidades será contundente, xa que se consideran enganados polos ministros e outros altos cargos do Goberno. Ese mesmo día ás tres da tarde dimitían todos os concelleiros do municipio (13 republicanos radicais, 13 socialistas e 7 monárquicos), que estaba presidido polo socialista Xaime Quintanilla (fora director da revista Céltiga). Ese mesmo día tamén presentaban a dimisión os concelleiros de Fene e a directiva do Circulo Mercantil. Pola súa banda os sindicatos comezaron unha folga no estaleiro e pola tarde facían unha manifestación, e da Coruña chegaba unha sección de gardas de asalto a cargo dun tenente.

 O 20 de maio, coa folga estendida a toda a cidade produciuse o primeiro morto, despois dun tiroteo, e do intento dun grupo de persoas de liberar a un detido (El Pueblo Gallego 20-05-1932). Dous días despois o mesmo xornal fai referencia á detención de 11 persoas. O 23 de maio estoupaban na cidade varios petardos, e producíase un tiroteo no barrio de Esteiro. A esta altura comezaban a faltar alimentos de primeira necesidade, como pan e leite. Os xornais tamén informaban o día 24 de maio que o Goberno dicía que “non habería conversacións mentres non rematasen as medidas de presión”. Unha actitude que non amosaba ningún espírito de negociación.

 O día 26 de maio faise unha reunión sindical na Coruña na que se acorda acoller nas casas dos obreiros da cidade a todos os operarios, nenos e mulleres das familias folguistas (nos días seguintes comezaran a chegar nenos á Coruña); ese mesmo día debátese a folga xeral entre un comité de Ferrol e outro de Vigo. A esta altura comezan a aparecer as diferenzas entre as entidades patronais e as organizacións obreiras: as primeiras xa aceptan o ofrecemento do Goberno de limitar os despedimentos a 300 operarios, a construción dalgúns barcos menores e a promesa de novas construcións. O xurado da Constructora Naval vai matizando as súas propostas, centrándose agora en peneirar o colectivo que será cesado. Porén esta proposta obreira non será aceptada pola empresa. Neste período continúan en Ferrol os incidentes, e o éxodo de nenos a outras cidades.

 Despois de dúas semanas de folga en Ferrol, El Pueblo Gallego reflicte a situación: “A falta de recursos chega ao seu grao estremo. Os obreiros viven ao día e atópanse sen cobrar xornal desde hai dúas semanas, non poden mercar máis que o preciso para a subsistencia dos seus, por iso moitos que se resisten a afastarse dos seus fillos, vense na necesidade de deixalos marchar a poboacións irmáns, que tan humanitariamente os recollen (...)  Desde Carballo ofrécense para coidar os nenos/as fillos/as de obreiros en folga (...) Abríronse comedores (en Ferrol) para alimentar a obreiros e fillos/as destes”. Ese mesmo día a patronal informaba de que o comercio normalizaba as súas actividades (aínda que despois de abrir tiveron que pechar os comercios), e a UGT, despois de duros debates internos, que mantiña o apoio á folga.

 O día 7 de xuño os xornais recollen que a Confederación (CNT) declarou a folga xeral en toda Galiza, e que o día anterior ás dez da noite declárase o paro na Coruña, e que en Compostela tamén se acordou ir á folga. El Pueblo Gallego do 8 de xuño informaba de que a folga alargárase ademais no primeiro día a Compostela, Betanzos, Ourense, Tui, Vigo e outras poboacións. Ao día seguinte os xornais informan de que en Ourense a Garda Civil clausurara a Casa do Pobo desta cidade e que en Tui aconteceran graves incidentes. Nesta última cidade gardas civís e carabineiros enfrontábanse, disparando con “máusers”, a obreiros concentrados, producíndose un intercambio de disparos, ficando un obreiro ferido.

 Nos xornais do día 10 de xuño informábase de que a folga xeral rematara, aínda que o día anterior se mantiña moi forte aínda en Ourense e Tui, nalgúns gremios de Vigo, que en Compostela se clausuraba algúns sindicatos, en Lugo o paro realizábase sen incidentes, e que na Coruña seica se restablecería ese día a normalidade. Foron tres días de folga xeral en toda a nación galega nos que a CNT tivo un papel destacado na convocatoria. O remate do paro debeuse a que o xurado da Constructora Naval decidiu “para evitar males maiores” circunscribir o conflito só ao estaleiro. Os concelleiros dimitidos, de varios concellos da comarca, reincorporáronse axiña aos seus cargos. Sen dúbida os incidentes, a presión patronal e do Goberno, a división interna na UGT, foi inclinando a postura dos sindicatos da Constructora Naval.

 Finalizada a folga a Sociedade de Socorros Mutuos La Naval disólvese ao ter esgotado os fondos, diante do alto número de desempregados (35-38%). As mobilizacións continúan pedindo, con menos alento, unha maior diversificación industrial para Ferrol. Foron 23 días de folga na cidade de Ferrol e tres días de folga solidaria en toda Galiza. Se cadra sexa este o antecedente máis certo das tres folgas xerais que durante o ano 1984 se fixeron no noso país, tamén neste caso por mor do desmantelamento do sector naval. Houbo outras convocatorias de folgas xerais, por exemplo en 1917 e 1934, que conseguiron parar algunhas empresas ou cidades, porén ningunha tivo a extensión desta folga xeral solidaria de 1932, que realmente foi unha folga nacional galega. O galeguismo, malia que acababa de nacer o Partido Galeguista, tamén fixo acto de presenza no conflito, tal como amosa o feito de que o grupo galeguista de Pontevedra se dirixira ao presidente do Consello de Ministros (Azaña) pedíndolle unha solución urxente; ou que Castelao expuxera no Parlamento, na comisión que seguía o tema, a súa preocupación pola gravidade do problema.

 

[Galiza, 8 de maio de 2025]

Volver