A fin dunha época

Greg Godels -

Aseguráronnos que a orxía de subas de prezos que estaba a minguar os orzamentos familiares era só un fenómeno temporal, causado polos danos ocasionados ás cadeas de abastecemento, primeiro pola pandemia e despois pola guerra de Ucraína. Pasaron máis de dous anos desde que nos fixeron esta promesa

 Por que o Fondo Monetario Internacional (FMI), a Organización Mundial do Comercio (OMC) e o Banco Mundial, tres das máis prestixiosas institucións económicas internacionais, agoiran negro futuro á economía mundial?

 O Banco Mundial, en ton lúgubre, «advirte dunha inminente «década perdida» para o crecemento económico».

 En xaneiro deste ano, o Banco Mundial reduciu a súa previsión de crecemento para 2023 ao 1,7%, por baixo da súa proxección do 3% de xuño de 2022. Para poñer esta porcentaxe en perspectiva, hai que lembrar que durante a era da globalización desenfreada, antes da crise de 2007-2009, o crecemento en todo o mundo alcanzou unha media do 3,5% anual. Tras a crise, o nivel medio de crecemento situouse no 2,8%. E só tres meses despois da súa proxección de xaneiro, o Banco Mundial prevé toda unha década de expectativas de crecemento reducidas. Como sinalaba o Wall Street Journal: «Será necesario un enorme esforzo político colectivo durante a próxima década para restaurar o crecemento aos niveis medios anteriores».

 Do mesmo xeito, a OMC prevé que o volume do comercio mundial só aumentará un 1,7% este ano, fronte ao crecemento medio do 2,8% desde 2008.

 Facéndose eco da advertencia do Banco Mundial en abril, o FMI anunciou a súa peor previsión de crecemento a medio prazo desde 1990.

 Noutras palabras, as tres grandes organizacións internacionais emitiron previsións negativas, por non dicir catastróficas, para a economía mundial.

 Está claro que o barco do capitalismo, xa atinxido por unha pandemia mundial, unha inflación galopante, unha guerra en Europa e crebas bancarias, está a piques de afundir. Non hai razón para esperar que se afunda, pero as alarmas saltaron.

 Os gurús, os responsábeis políticos e os profesores de economía aseguráronnos que a orxía de subas de prezos que estaba a minguar os orzamentos familiares era só un fenómeno temporal, causado polos danos ocasionados ás cadeas de abastecemento, primeiro pola pandemia e despois pola guerra de Ucraína. Pasaron máis de dous anos desde que nos fixeron esta promesa.

 Desde aquela, as explicacións deron paso ás pregarias. As intervencións adoptadas –unha mestura velenosa de subas de tipos de xuros servidas polos Bancos Centrais- resultaron menos eficaces contra a inflación do esperado. Os tipos de xuros inusualmente baixos que caracterizaron a última década animan os consumidores a utilizaren o crédito libremente cando os seus ingresos están baixo presión, como é o caso da inflación galopante. A medida que soben os tipos de xuros, os consumidores tardan en decatarse da carga que supoñen as súas débedas pola necesidade de pagar xuros máis altos, o que non fai senón deteriorar aínda máis o seu xa ameazado nivel de vida. O recurso ao crédito dilúe o efecto «tranquilizador» do aumento dos tipos de xuros sobre a demanda dos consumidores.

 Os optimistas profesionais dos medios de comunicación celebraron as cifras do índice de prezos ao consumo de marzo, que mostraron unha redución do 5% nos aumentos con respecto aos niveis do ano pasado (o obxectivo da Reserva Federal é do 2%). A baixada é sen dúbida significativa, pero os medios esquecen que foron eles os que nos dixeron unha e outra vez que a Reserva Federal, ao tomar as súas decisións, se refire ao tipo de base (tipo básico) e non ao tipo xeral. E este tipo -que é o verdadeiro índice de prezos ao consumo- rexistrou de feito un incremento en marzo: os seus compoñentes, é dicir, os bens e servizos esenciais, subiron de prezo con respecto a febreiro. Até aquí a forza da fe.

 Polo tanto, o máis probábel é que a Reserva Federal volva subir os tipos de xuros, o que incrementará aínda máis o custo da nova débeda contraída.

 E por que debería amainar a inflación cando os consumidores seguen precipitándose cara ao Harmagedṓn tolerando subas de prezos? Proctor & Gamble, un dos maiores monopolios mundiais de bens de consumo (que controla Tide, Charmin, Gillette, Crest, etc.) subiu os prezos un 10%, limitando as perdas en volume de vendas e obtendo maiores beneficios monetarios. Proctor & Gamble non ten ningún incentivo para deter ou retardar as subas de prezos, sempre que os seus ingresos (e beneficios) sigan aumentando. E por que o debería facer? Á fin e ao cabo, está no negocio para gañar diñeiro.

 Por simple que pareza, esta é a chave do «enigma» da inflación: «A única explicación en relación co que atopamos nalgúns índices de prezos dos alimentos é que as marxes de beneficio están a ampliarse», afirmou Claus Vistesen, economista de Pantheon Macroeconomics citado polo Wall Street Journal. Así é: están a inflar os prezos.

 Non se trata en absoluto dunha «espiral de prezos e salarios», como lles gusta repetir aos cortesáns das multinacionais. Trátase máis ben, como confesou Fabio Panetta, membro do comité executivo do Banco Central Europeo, dun «comportamento oportunista» vinculado a unha «espiral beneficio-prezo».

 Os economistas liberais e socialdemócratas critican a estratexia da Reserva Federal de reducir o consumo para desalentar a suba dos prezos, pero non teñen ningunha alternativa que ofrecer. Confórmanse con deixar a xestión da economía capitalista en mans dos capitalistas, aínda que logo critiquen as solucións.

 Mesmo os defensores da Teoría Monetaria Moderna, outrora tan falangueiros, manteñen un estraño silencio. Durante a pandemia, a idea de manter grandes déficits para estimular a economía, sen temor a fomentar a inflación, gañara popularidade. Os gurús da esquerda crían atopar unha forma indolora de financiar as reformas sociais sen recorrer ao capital acumulado polos megarricos: unha especie de poción máxica da política. Pero o despegamento da espiral inflacionista silenciou este debate.

 Se tres institucións capitalistas tan importantes predín incerteza e inestabilidade económica, a razón é que estamos a saír dunha fase específica de reestruturación capitalista. Entre as características e novidades máis importantes da época que estamos a deixar atrás, encarnadas polo termo popular de «globalización», están «a crecente mobilidade do capital, a apertura de novas áreas de penetración do capital, unha revolución nos instrumentos financeiros, a dispoñibilidade de novas e enormes reservas de man de obra cualificada barata, técnicas de transporte marítimo modernas e eficientes, a eliminación das barreiras comerciais e a simplificación das normativas, a apertura de sectores anteriormente públicos ao desenvolvemento privado e a adopción de acordos comerciais que consagran os cambios anteriores».

 Esta era insuflou nova vida ao capitalismo, dando lugar a un aumento dos beneficios, unha hiperacumulación e un enorme incremento dos investimentos especulativos. Moi pouco desta nova riqueza se compartiu coas masas, o que deu lugar a desigualdades sen precedentes nos ingresos e a riqueza.

 A gran crise económica de 2007-2009 esgotou a vitalidade da era da globalización -o internacionalismo capitalista- que durara máis de dúas décadas. Enormes cantidades de capital sobreacumulado dirixíronse cara a unha especulación cada vez máis temeraria, un proceso que acabou colapsando baixo o peso da súa propia arrogancia.

 En lugar de se render ao inevitábel -é dicir, á «destrución creativa» que adoita seguir a un colapso, o proceso natural de se desfacer dos «activos» tóxicos que o colapso deixa tras de si-, os grandes meigos dos centros financeiros de Nova York, Londres, París, Zúric, etc., tentaron illar, protexer e soster os restos da desfeita «inflando» unha economía esgotada mediante unha especie de «restauración creativa».

 A expresión «destrución creativa», popularizada polo economista Joseph Schumpeter, refírese aos cascallos que deixa tras de si un colapso económico: os «valores» ficticios e desinchados asociados ás crebas de bancos e empresas, os bens e servizos falidos a prezos inflados, os postos de traballo perdidos, os malos investimentos, as accións caendo, etc. Segundo Schumpeter e os seus seguidores, esta destrución era esencial para a reorganización da economía, para un novo comezo que limpase a escoura producida polo colapso.

 Historicamente, o prezo das crises sempre o pagaron principalmente os pobres e os traballadores, pero os ricos, os poderosos e as multinacionais tamén levan a peor parte. Canto máis grave é a crise, menos poden as elites cargar as consecuencias sobre os ombreiros dos menos poderosos e os máis vulnerábeis. E canto máis grave é a crise, maior é a resistencia política ás vellas receitas.

 Porén, despois de 2007-2009, as institucións dos traballadores eran extremadamente débiles, os sistemas de partidos tradicionais non daban voz ás vítimas da crise e os responsábeis políticos confiaban na súa propia capacidade para evitar ou pospor a fase de destrución creativa. Crían ter nas súas mans instrumentos financeiros que podían estabilizar e resucitar a economía mundial sen pasar por unha fase de retroceso cos seus conseguintes retrocesos económicos. Os bancos centrais gastaron billóns para comprar «activos» sen valor e gardalos en caixas fortes á espera de que o seu valor volvese subir, o que permitiría volver colocalos nos mercados. E deron paso a unha década sen precedentes de diñeiro barato (é dicir, tipos de xuros ultra baixos) para permitir que empresas ruinosas, non rendíbeis e marxinais seguisen vivas e competisen un día máis. A disciplina de mercado -formada por gañadores e perdedores- deu paso á intervención estatal destinada a manter a todos no xogo.

 Todo isto só serviu para aprazar o inevitábel. Hoxe, todos os intentos de eludir a destrución creativa están a fracasar; as institucións mundiais son conscientes deste fracaso e admíteno nas súas sombrías previsións.

 O que seguirá ao colapso da globalización só pode ser obxecto de especulación.

 O que está claro é que entramos nun período de crecente incerteza e conflito. O auxe dos populismos de dereitas estimulou un marcado descontento coas solucións tradicionais, fomentando o nacionalismo e o proteccionismo. Numerosos gobernos de Europa (Hungría, Polonia, Italia, os países bálticos, etc.) e Asia (India, Turquía, Taiwán, Xapón, etc.) viraron bruscamente á dereita, abrazando a militarización, o sectarismo e o nacionalismo. Estados Unidos e os seus aliados xa non son os campións do libre mercado e recorren a aranceis, sancións e outras medidas agresivas e unilaterais.

 As alianzas e as regras do xogo estabelecidas nos anos noventa e a primeira década do novo século estanse esfarelando. O liderado mundial dispútase, o que implica riscos de guerra. A ilusión da globalización na que «todos gañan» está a dar paso á voracidade de «acaparar todo o que se poida».

 Non se lembra ningún outro período no que os Estados Unidos e os seus aliados se poidan apoderar impunemente dos recursos financeiros doutro país como Venezuela ou Rusia. Todos os indicios falan non de orde mundial, senón de desorde mundial, marcada por alianzas efémeras e volúbeis entre vellos aliados e vellos inimigos. Turquía pode atacar avións rusos en Siria e simultaneamente vender drons a Rusia para que os utilice contra Ucraína. Arabia Saudita pode axudar os fundamentalistas a matar rusos en Siria e, ao mesmo tempo, promover un acordo petroleiro mundial con Rusia. Rusia pode vender armas tanto á República Popular China como á India, aproveitando as crecentes tensións entrambos os países. Estados Unidos pode destruír impunemente os oleodutos que permitían a Alemaña obter enerxía barata de Rusia, mentres que os Emiratos Árabes Unidos revenden a Alemaña petróleo ruso oficialmente sancionado. E así sucesivamente. O único principio que subxace nas relacións internacionais é cada vez máis a ausencia de calquera principio.

 A crise faise evidente, cando aquelas mentes «privilexiadas» (tendencialmente hiperoptimistas) que traballan para o Banco Mundial, o FMI e a OMC agora están a anunciar un futuro sombrío para o capitalismo global. Todos estamos advertidos.

 

[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la Crisis, do 11 de maio de 2023]

Volver

Novas relacionadas