Termocalor recoñece a improcedencia do despido dunha traballadora acosada e acepta indemnizala

A CIG desenvolveu unha concentración solidaria coincidindo co xuízo

Vigo -

A compañía Termocalor, con sede en Vigo, recoñeceu finalmente a improcedencia do despedimento dunha traballadora á que o xefe estivo acosando laboralmente por razón de xénero durante máis dunha década. O xuízo previsto para hoxe no que se ía reclamar a nulidade da rescisión do contrato xa non se chegou a celebrar porque a afectada preferiu abandonar a empresa coa indemnización á que ten dereito tras seren despedida de xeito improcedente. A CIG desenvolveu unha concentración solidaria ás portas dos xulgados en apoio dunha traballadora que deu unha lección de dignidade todos estes anos fronte á actitude deplorábel do propietario da compañía.

O Tribunal Supremo confirmara en 2019 a sanción administrativa de 20.000 euros imposta Termocalor como responsábel do acoso, que se iniciara nada máis a empregada comunicarlle ao seu xefe que se atopaba en estado. Na sentenza do TS recoñecíase a veracidade do acoso entre os anos 2008 e 2010, situación que continuou até que a traballadora foi despedida o pasado 10 de marzo tras finalizar a redución de xornada, unha vez que o seu fillo cumpriu 12 anos.

Daquela, asesorada pola CIG, lograra que lle restituísen o horario e traballaba só de mañá, que lle recoñecesen como enfermidade laboral a baixa por ansiedade que tivo que coller e que a indemnizasen con 3000 euros por danos e prexuízos.

O acoso iniciárase nada máis comunicar na empresa o primeiro embarazo, pero agravouse dous anos despois cando decide ser nai por segunda vez e optan por cambiarlle o horario e obrigarlle a facer as cinco horas de redución a xornada partida (dúas pola mañá e tres pola tarde). “Para min era imposíbel, porque precisamente collín a redución para traballar só de mañá e poder atender as crianzas pola tarde; non me daba tempo a comer nin a coidalas, polo que acabei cun estrés enorme e con ataques de ansiedade e tiven que coller unha baixa”, relatara entón.

Vulneración de dereitos

O propietario de Termocalor, Ramón Argudín, propúxolle que marchara da empresa, pero non quería pagar a indemnización correspondente e pretendía que ela mesma renunciara ao seu posto, polo que comezou unha campaña de acoso laboral contra ela que foi recoñecido polos tribunais e ratificado polo TS tras os sucesivos recursos presentados pola empresa.

Unha vez rematada a redución de xornada optou por rescindirlle o contrato aludindo a supostas causas disciplinarias, cando en realidade responde a unha represalia, constituíndo unha clara vulneración dos seus dereitos fundamentais. Diante disto, a CIG presentou unha demanda reclamando a nulidade do despido, cuestión que finalmente non foi a xuízo porque a empresa recoñeceu a súa improcedencia e aceptou indemnizar a traballadora.

Volver