“Non é un caso illado, é o patriarcado!”

A CIG mobilizouse no SMAC en Vigo coincidindo co o acto de conciliación polo despido dunha traballadora acosada tras quedar embarazada

Vigo -

A CIG mobilizouse hoxe diante do SMAC en Vigo ao berro de “Non é un caso illado, é o patriarcado!” coincidindo co acto de conciliación previo ao xuízo no que a central sindical reclama a nulidade do despido dunha traballadora vítima de acoso laboral por razón de xénero durante máis dunha década por parte da empresa Termocalor de Vigo, cuxo contrato foille rescindido recentemente tras rematarlle a redución de xornada por garda legal. O xuízo terá que celebrarse finalmente despois de que a compañía se negase a calquera tipo de acordo.

O Tribunal Supremo confirmara en 2019 a sanción administrativa de 20.000 euros imposta Termocalor como responsábel do acoso, que se iniciara nada máis a empregada comunicarlle ao seu xefe que se atopaba en estado. Na sentenza do TS recoñecíase a veracidade do acoso entre os anos 2008 e 2010, situación que continuou até que a traballadora foi despedida o pasado 10 de marzo tras finalizar a redución de xornada, unha vez que o seu fillo cumpriu 12 anos.

Daquela, asesorada pola CIG, lograra que lle restituísen o horario e traballaba só de mañá, que lle recoñecesen como enfermidade laboral a baixa por ansiedade que tivo que coller e que a indemnizasen con 3000 euros por danos e prexuízos.

O acoso iniciárase nada máis comunicar na empresa o primeiro embarazo, pero agravouse dous anos despois cando decide ser nai por segunda vez e optan por cambiarlle o horario e obrigarlle a facer as cinco horas de redución a xornada partida (dúas pola mañá e tres pola tarde). “Para min era imposíbel, porque precisamente collín a redución para traballar só de mañá e poder atender as crianzas pola tarde; non me daba tempo a comer nin a coidalas, polo que acabei cun estrés enorme e con ataques de ansiedade e tiven que coller unha baixa”, relatara entón.

O propietario de Termocalor, Ramón Argudín, propúxolle que marchara da empresa, pero non quería pagar a indemnización correspondente e pretendía que ela mesma renunciara ao seu posto, polo que comezou unha campaña de acoso laboral contra ela que foi recoñecido polos tribunais e ratificado polo TS tras os sucesivos recursos presentados pola empresa.

Mais agora, unha vez rematada a redución de xornada, optou por rescindirlle o contrato aludindo a supostas causas disciplinarias, cando en realidade responde a unha represalia, constituíndo unha clara vulneración dos seus dereitos fundamentais. Diante disto, a CIG xa presentou unha demanda reclamando a nulidade do despido e convocou a mobilización desta mañá coincidindo co acto de conciliación no SMAC.

Medidas contra o acoso machista no traballo

Ao remate da protesta, a secretaria das Mulleres da CIG de Vigo, Ester Mariño, incidiu que con esta concentración contra o acoso machista a central sindical quere amosarlle todo o seu apoio a unha traballadora “valente, que leva anos sufrindo un acoso constante e continuo polo único feito de decidir ser nai” e visibilizar e denunciar “unha situación que, por desgraza, segue a ser moi común nas empresas; porque non é un caso illado, é o patriarcado”.

Mariño sinalou que son moitas as traballadoras que, unha vez deciden ser nais, “deixan de ser traballadoras exemplares a ollos do capital ou quedan sen oco nas empresa porque as súas capacidades de traballo xa non se teñen en conta e pasan a ser un estorbo; non asumen que non somos a súa propiedade e que podemos decidir sobre a nosa vida”, lamentou.

Ao mesmo tempo, censurou que Termocalor non desista na súa actitude “tras tantos anos de violencia psicolóxica contra ela, illamento, minusvaloración, ridiculización e un longo etcétera” e despois das sancións impostas pola Inspección de Traballo contra a empresa por acosala, “recoñecendo que a única motivación deste ostigamento é a súa maternidade”.

A responsábel sindical esixiu a fin da violencia machista no traballo “porque ningunha traballadora se ten que ver ante un despido por ser nai ou querer conciliar, nin ver as súas posibilidades de ascenso o mellora da carreira profesional frustradas, nin ser relegada a un posto de menor cualificación, nin ser illada, invisibilizada, ridiculizada ou esquecida”.

Para isto, reclamou a adopción de medidas reais e efectivas que fagan que este tipo de condutas desaparezan das relacións laborais. “Que a Inspección de Traballo actúe de xeito urxente a contundente, que os xulgados traten o acoso por razón de sexo con urxencia e rigor -porque se é machista non é xustiza- e que a sociedade deixe de ser permisiva e tolerante con empresas que acosan as súas traballadoras”.

Volver