"O Fondo de Pensións non pode dotarse co que aforran as mutuas ao non recoñecer accidentes laborais e enfermidades profesionais"

Unha representación da CIG asistiu á reunión da Comisión de Seguimento do Fondo de Reserva da Seguridade Social en Madrid

Nacional -

O secretario confederal de Negociación Colectiva e Emprego da CIG, Francisco Xavier González Sío, asistiu á reunión da Comisión de Seguimento do Fondo de Reserva da Seguridade Social, que se celebrou o pasado 27 de outubro na sede do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións en Madrid. O responsábel sindical aproveitou para amosar o rexeitamento da central sindical a que o Fondo de Pensións se dote cos cartos que aforran as mutuas ao non recoñecer accidentes laborais e enfermidades profesionais.

Sío lembra que este organismo, pese á precaria situación na que se atopa o Fondo, non se reunía dende o ano 2018. Un Fondo que chegou a alcanzar un importe de 69.000 millóns de euros no ano 2012 e que foi baleirado polo Goberno español até deixalo con apenas 2000 millóns en 2019. Mais sen que se fixera unha auditoría, como leva tempo reivindicando a CIG, para saber a onde foron parar eses 67.000 millóns de euros que faltan. 

A CIG leva tempo reclamando unha auditoría para saber a onde foron parar os 67.000 millóns de euros que faltan do Fondo de pensións

Durante a xuntanza, na que estivo presente o secretario de Estado de Seguridade Social e Pensións, Borja Suárez Corujo, a CIG denunciou a “falta de respecto institucional” do Executivo, xa que dende que se constituíu o actual Goberno de coalición non se produciu ningunha reunión coa central sindical pese a realizar por escrito solicitude no ano 2021. Neste seno, Sío sinaloulle ao gabinete do secretario de Estado que a CIG ten a condición de sindicato máis representativo e que nestes últimos anos producíronse tres reformas das pensións “sen ternos en conta no trámite e nas alegacións aos textos”.

Unhas reformas que a central sindical considera moi negativas para a clase traballadora e para o sistema público de pensións, xa que se aprobou actualizar as pensións co IPC medio e sen paga  de atrasos, en vez de facelo conforme ao IPC interanual e con carácter retroactivo dende o 1 de xaneiro; tamén se modificaron os coeficientes redutores para dificultar a xubilación anticipada; e se aprobaron os chamados Plans de Emprego de Pensións, que recortan os salarios e privatizan o sistema público de pensións; ademais, aumentouse o período de cálculo dos 25 aos 29 anos, o que reduciu as contías un 6%.

“Neste frenesí de reformas por parte de PSOE-Podemos estabeleceuse o Mecanismo de Sustentabilidade Interxeneracional que aumenta as cotizacións das persoas traballadoras sen que teña repercusión na contía da pensión futura, e que dende marzo do 2023 aumenta do 0,6% actual (0,5% empresa, 0,1% persoa traballadora) até o 1,2% en 2029”. Isto implica aplicar un desconto maior á base de cotización que derivará novamente na caída dos salarios.

En canto á situación actual do Fondo, este pasou dos 2141 millóns do ano pasado aos 4778 actuais, e está previsto que chegue aos 5500 a final de ano. “ Mais destes activos non se poderá dispoñer até o ano 2033”.

Privatización da saúde

Na xuntanza celebrada en Madrid a CIG mostrou a súa posición contraria á dotación cos excedente das mutuas colaboradoras coa Seguridade Social por 1168 millóns de euros co excedente de continxencias profesionais. Porque as mutuas cualifican como comúns patoloxías que teñen unha orixe laboral, e polo tanto deberan ter a condición de continxencias profesionais, xa que estas son empresas privadas e como tal a súa prioridade non é a saúde das persoas traballadoras senón os beneficios económicos. 

O Fondo de reserva vai fornecerse a conta de non cualificar como continxencias profesionais os accidentes e as enfermidades profesionais e empeorando, aínda mais, o servizo que prestan as mutuas

“Todos os días vemos no centros de traballo como as mutuas poñen trabas á clase traballadora derivadas non do mal funcionamento das mutuas, senón do papel real que xogan: o de privatización da saúde e o de restrinxir o acceso á IT”.

Neste contexto o Fondo de reserva vai fornecerse a conta de non cualificar como continxencias profesionais os accidentes e as enfermidades profesionais e empeorando, aínda mais, o servizo que prestan as mutuas.

Na reunión tamén se trasladou a inexistencia de débeda da  Seguridade Social co Tesouro. “A separación das fontes de financiamento é unha cuestión técnica de xestión das pensións que supón ter que estar avaliando continuamente a sustentabilidade do sistema, cando antes de aprobar a separación das fontes no Pacto de Toledo isto non era así”.

De feito, os expertos/as que proclaman mediante “sesudos informes” previsións catastrofistas sobre o futuro das pensións cada certo tempo son os mesmos/as que traballan para entidades financeiras que se enriquecen cos plans privados de pensións ou cos Plans de Emprego aprobados na reforma do 2021. “A realidade é que o gasto do Estado español en pensións, en relación ao PIB, é reducido en comparación aos países do noso entorno, estando por debaixo da media da Unión Europea”.

Volver