A CIG presenta unha batería de medidas para que as reformas do desemprego garantan os dereitos das persoas traballadoras en paro

Avoga por reforzar a súa protección ante o empobrecemento e a precariedade derivada da contratación fixa descontinua

Vigo -

A CIG presentou hoxe un decálogo de propostas encamiñadas a que as reformas das prestacións e dos subsidios por desemprego anunciadas polo Goberno español garantan os dereitos da persoas traballadoras en paro. Na central sindical avogan por reforzar a súa protección protección ante o avance do empobrecemento e da precariedade laboral derivada do abuso da contratación a tempo parcial e fixa descontinua. Ao tempo que reiteran a necesidade de que o salario mínimo se sitúe no 60% do salario medio do Estado español, tal e como establece a Carta Social Europea.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, foi o encargado de debullar as 10 medidas durante a rolda de prensa celebrada hoxe en Vigo, na que tamén participou o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria, Paco Sío.

O máximo responsábel da central sindical comezou advertindo que as reformas anunciadas son unha nova imposición da UE ao Estado español dentro do plan de axuste para acceder aos fondos Next Generation, polo que suporán novos recortes de dereitos, “xa que non se vai na dirección de mellorar o acceso, duración e contías das prestacións por desemprego para as persoas traballadoras”.

Polo tanto estas reformas non responden á necesidade de dotarse dun marco estratéxico “que corrixa as inxustizas, as disfuncións e a ineficacia do sistema económico e laboral”, senón que se trata dun complemento á Lei 3/2023 de Emprego, “que segue sen dar resposta aos problemas de emprego nin solución aos problemas de ineficacia das actuais políticas activas de emprego, e que non prepara as políticas de emprego para os novos retos do mercado de traballo”.

Con esta Lei de Emprego o SEPE vese afectado tamén polo proceso de privatización dos servizos públicos, pasando a ser unha Axencia Estatal e asumindo competencias propias das Comunidades Autónomas. Tamén é desprazado das súas funcións, tendo un papel residual como intermediador laboral ante a potenciación das ETT e das axencias privadas de colocación.

Aumentar a protección

Carril incidiu na importancia de aumentar a protección dos dereitos das persoas traballadoras, especialmente as desempregadas. “É tan urxente e necesario canto maior é o medre dunha realidade laboral cada vez máis marcada pola precariedade, que segue avanzando coa última reforma laboral, estendéndose os baixos salarios e a inestabilidade laboral; o abuso na contratación fixa descontinua, na de tempo parcial, no papel das ETT, na aplicación dos ERTE permanentes ante as facilidades que permite a lexislación laboral, etc”. Todo isto está a levar a máis sectores da clase traballadora á pobreza laboral, porque en moitos casos ter un emprego non garante uns mínimos ingresos cos que poder vivir dignamente.

Nun contexto no que os efectos do cambio no tecido produtivo e no mundo do traballo pola descarbonización e a implantación das novas tecnoloxías na economía están a intensificar o proceso de valorización do capital e de desvalorización do traballo, aumentando o risco dun elevado e estrutural desemprego, emigración e aumento da exclusión social e da desigualdade.

“Estamos nun fenómeno conscientemente deseñado polo capital para gañar máis á conta de ter un maior exército de man de obra barata, que viva da enorme incerteza do seu futuro, en continua rotación entre o desemprego-emprego precario-desemprego”. Un deseño que se complementa forzando os gobernos a aprobar permanentes reformas laborais que desmantelan, desregulan e flexibilizan os dereitos e as condicións laborais, estendendo os baixos salarios e fomentando unha menor protección social.

De xeito que as empresas transfiren ao sector público os custos sociais desta situación de empobrecemento e precariedade xeneralizada pola extensión da contratación parcial e fixa descontinua, ao tempo que se dificulta o acceso, a duración e as contías das prestacións por desemprego. “No seu lugar, apróbanse programas públicos que nunca chegan a ser o recoñecemento dunha auténtica rede de dereitos sociais, conformando, máis ben, programas de actuación mais propias da beneficencia e baixo a permanente ameaza de seren recortados”.

Por iso a CIG demanda a aprobación dunha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos perdidos e favoreza novos dereitos e regulacións que nos fortalezan como clase traballadora ante as cada vez máis habituais e prolongadas crises, así como ante as novas formas de explotación e ao aumento da precariedade e do desemprego. 

A CIG reclama que as reformas se debatan na comisión executiva central do SEPE -o seu máximo organismo de representación a nivel estatal-, da que a CIG fai parte con CCOO e UGT como sindicato máis representativo

Precisamente con este obxectivo a central sindical reclama que o contido das reformas anunciadas se debatan na comisión executiva central do SEPE -o seu máximo organismo de representación a nivel estatal-, da que a CIG fai parte como sindicato máis representativo en igualdade de condicións con CCOO e UGT. "En novembro trasladamos unha queixa e a semana pasada solicitamos unha reunión extraordinaria urxente para poder abordar nese ámbito as reformas previstas".

Finalmente, Carril apelou á necesidade de levar a cabo un "cambio radical" na políticas para crear emprego digno, estábel e con dereitos, "favorecendo a repartición do traballo, reducindo a xornada laboral semanal, xa que os avances tecnolóxicos fan posíbel producir moito máis con menos horas de traballo e xerar máis riqueza social”.

Contía do SMI

Pola súa banda, o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío, lembrou que a central sindical esixe para o ano 2024 que o salario mínimo sexa o 60% do salario medio do Estado español e, polo tanto, de 1253 euros. De xeito que se cumpra coa Carta Social Europea e empregue o método de cálculo utilizado polo Comité Europeo de Dereitos Sociais.

Por iso a CIG leva anos reclamando que se aplique este criterio, chegando a presentar unha reclamación colectiva ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais “porque no Estado español estase incumprindo a Carta Social Europea ao non ser suficiente a contía que se está fixando de salario mínimo”.

>>Principais propostas da CIG ante as reformas do desemprego:
  • Recuperación do papel dos servizos públicos de emprego que garanta o desenvolvemento das actuacións públicas dirixidas a favorecer un funcionamento a que mellore a empregabilidade do conxunto da poboación activa e a inserción da poboación desempregada. Para isto, cómpre a dotación orzamentaria suficiente, para dispor dos recursos, ferramentas e capital humano para poder realizar unha intermediación efectiva. Así mesmo, cómpre a derrogación das previsións contempladas na Lei 3/2023 de Emprego que permiten a privatizacións dalgunhas accións das políticas activas de emprego e nas materias asociadas.
  • Transferencia a Galiza de todas as competencias pendentes para poder exercer todas as funcións en materia de xestión do traballo, o emprego, formación e recoñecemento de prestacións. Transferencia íntegra da formación para o emprego a Galiza e rescate público do sistema de formación para o emprego.
  • Mellorar o investimento públiconos servizos públicos de colocación para que poidan desenvolver axeitadamente o seu labor. Supresión das ETT e das axencias privadas de colocación na intermediación laboral.
  • Estabelecemento no ano 2024 do importe do salario mínimo interprofesional (SMI) en 1.253€, en cumprimento da Carta Social Europea, fixando por lei que o salario mínimo interprofesional debe ser o 60% do salario medio do Estado español, conforme o método de cálculo utilizado polo Comité Europeo de Dereitos Sociais e os módulos salariais que publica a Axencia Tributaria. Cada ano, con base nestes métodos de cálculo, será actualizado para garantir en todo momento o 60% da Carta Social Europea.
  • Derrogación do Decreto Lei 3/2004 e do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) recuperando o SMI como único indicador público de referencia do nivel de renda para determinar as contías de calquera tipo de prestación ou servizo público.
  • Mellorar as contías das prestacións contributivas por desemprego, de xeito que nos primeiros 180 días de prestación se cobre o 75% da base reguladora e a partir do 181, o 65% desta mesma base. En ningún caso, a prestación por desemprego poderá ser inferior ao SMI.
  • Mellorar as contías do subsidio por desemprego, de xeito que durante a súa duración nunca chegue a ser inferior ao SMI.
  • No caso de ser persoas traballadoras fixas descontinuas, o dereito ao subsidio por desemprego non exixirá de requisitos previos de tempo mínimo cotizado para acceder a este. e a súa duración será en calquera caso, como mínimo, de 6 meses.
  • Aprobación dunha Renda de Inserción Laboral e Social, en substitución do IMV (ingreso mínimo vital) e da RAI (renda activa de inserción), na contía do SMI, para as persoas maiores de 18 anos que non cobren ningún tipo de prestación económica, acompañada do seguimento dun itinerario persoal de orientación e formación profesional até a consecución dun posto de traballo no tempo máis breve posíbel.
  • Aprobación dunhas novas táboas na cotización no concepto desemprego que as empresas teñen que pagar de xeito que o tipo xeral do 5,50 só sexa aplicábel á contratación indefinida a tempo completo, pasando a ser do 6,70 para o resto da contratación indefinida a tempo parcial e fixa descontinua. Á súa vez, o tipo actual do 6,70 para a contratación de duración determinada a tempo completo e parcial pasará a ser do 7,00. O tipo de cotización ao desemprego das persoas traballadoras contratadas de xeito temporal pasará a ser do 1,55, sexa cal sexa a duración e xornada de contrato, non a actual do 1,60.

As empresas que apliquen un ERTE de duración igual ou superior a 12 meses, deberán pagar o 6,00 durante os meses de vixencia deste.

Volver