A CIG obtén a maioría absoluta no SAF do Concello de Lugo ao lograr 6 das 9 delegadas

Lugo -

A CIG obtivo a maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas onte martes no Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Lugo (adxudicado á empresa Sacyr Servizos) ao lograr 6 das 9 delegadas que se escollían. A candidatura da central nacionalista acadou 123 votos fronte aos 31 recibidos pola UGT (que sacou 2 delegadas) e os 16 de CCOO (que obtivo 1 representante).

Para a CIG-Servizos de Lugo este resultado é un reflexo do bo traballo realizado polas delegadas nos últimos anos e un aval á acción sindical para evitar que se ratificara o preacordo de convenio sectorial acadado por UGT e CCOO coa patronal. Cómpre lembrar que dito preacordo condenaba as traballadoras a seguir tendo condicións de miseria e recortaba o único dereito que lles permitía non perder capacidade adquisitiva: a cláusula de revisión anual conforme ao IPC real.

A CIG agradece a confianza depositada na súa candidatura e reafirma o compromiso na defensa dos dereitos das traballadoras, na loita pola mellora das súas condicións de laborais e salariais e na reivindicación dun sistema público galego de atención ás persoas que integre todos os servizos de coidados nunha única rede.

Volver