A CIG mobilízase contra o acoso laboral e a represión sindical no asilo do Carballiño

Desenvolveu concentracións na sede da Fundación Hermanos Prieto e no Concello

O Carballiño -

Representantes sindicais da CIG mobilizáronse hoxe diante da sede da Fundación Hermanos Prieto e do Concello do Carballiño para rexeitar o clima de acoso laboral e a represión sindical que se vive no asilo da localidade ourensá. Nos vindeiros días a central levará as protestas até o Bispado de Ourense, que tamén forma parte do padroado da Fundación.

A concentración diante da residencia da terceira idade que xestiona a Fundación Hermanos Prieto tivo lugar ás 11:00 horas, e media hora despois desprazouse até a casa consistorial, xa que o Concello do Carballiño tamén fai parte do padroado da Fundación.

Dende a CIG explican que a principal reivindicación pasa pola inmediata readmisión das traballadoras despedidas e o cese das accións de “maltrato verbal e moral”, así como polo cumprimento íntegro das condicións laborais e o respecto ao convenio colectivo.

Finalmente adiantan que nos próximos días anunciarán novas mobilizacións, nesta ocasión diante do Bispado de Ourense, que tamén fai parte do padroado da Fundación Hermanos Prieto.

Volver