Concentración no xulgado de Ourense para exixir a readmisión das traballadoras do Asilo e o cese dos acosos

Coincidindo coa celebración do primeiro xuízo polos despedimentos

Ourense -

A CIG concentrouse este xoves diante dos xulgados de Ourense coincidindo coa celebración do primeiro xuízo polo despedimento de dúas traballadoras do Asilo do Carballiño. Para a CIG de Ourense estes despedimentos teñen que ser declarados nulos xa que claramente responden a unha represalia sindical da dirección contra o persoal por denunciar os numerosos incumprimentos en materia laboral e asistencial.

Neste senso, o secretario comarcal, Anxo Pérez Carballo, lembra que a central sindical se dirixira en varios ocasións ao padroado da Fundación Hermanos Prieto, que dirixe o Asilo e no que están representados o Concello do Carballiño e o Bispado de Ourense, para que actuara con urxencia e se garantiran as condicións de traballo, nomeadamente no relativo á horarios, quendas e roupa de traballo, así como en materia de prevención de riscos, xa que non hai vixilancia da saúde das traballadoras, faltan EPIs ou non se fai a formación adecuada, entre outras eivas.

Pero a dirección non só ignorou estas demandas, senón que puxo en marcha unha política de acoso e persecución ás traballadoras máis antigas, chegando a despedir a varias delas polo feito de reclamar os seus dereitos. Unha política que a CIG de Ourense enmarca no cambio de modelo iniciado coa chegada da nova directora hai dous anos para transformar o vello asilo nunha empresa que só busca o beneficio económico.

Esta situación obrigou á central sindical nacionalista a iniciar unha campaña de mobilizacións en demanda da readmisión das despedidas e do cese das represións, así como presentar denuncias na Inspección de Traballo e Xunta de Galiza, que veñen de certificar a veracidade das denuncias feitas pola CIG.

"Política Social respondeu que as nosas denuncias eran certas e que polo tanto están actuando tamén para que se corrixan esas gravísimas deficiencias que, subliña Pérez Carballo, chegan mesmo a que unha persoa sen a titulación necesaria administre medicamentos ás persoas residentes ou que non haxa persoal de enfermería nas fins de semana e días festivos".

Malia os requirimentos de Política Social e da Inspección de Traballo "a empresa mantén os despedimentos" polo que esta mañá, con motivo do primeiro xuízo, a CIG desenvolveu unha concentración ás portas dos xulgados para exixir a readmisión das traballadoras, que se respecten os dereitos do persoal e se cumpra coa normativa laboral e asistencial.

Neste sentido, o secretario da CIG de Ourense reitera que nin a igrexa nin o concello do Carballiño “poden mirar para outro lado e dicir que iso é cousa da xerente só” e advirte que a central sindical seguirá exixíndolles as súas responsabilidades para que poñan fin dunha vez por todas a este conflito.

Volver