A CIG desmárcase da sinatura do convenio da hostalería da provincia de Lugo

Denuncia que “empobrece máis aínda ás traballadoras e traballadores deste sector”

Lugo -

A CIG-Servizos de Lugo vén de anunciar que non asina o novo convenio da hostalería da provincia por non garantir o mantemento do poder adquisitivo dos salarios das traballadoras e traballadores, xa que as subas pactadas para os anos de vixencia (2021-2024) quedarán por debaixo do IPC real. Isto resulta especialmente lesivo tendo en conta os baixos salarios do sector e o medre imparábel da carestía da vida, que se agarda siga á alza nos próximos meses.

A CIG-Servizos de Lugo lembra que a última actualización salarial para os traballadores e traballadoras reguladas polo convenio de hostalería da provincia foi en 2020, ano no que o sector foi duramente golpeado pola pandemia. Un golpe, iniciado en marzo, que “foi respondido polo Goberno do Estado con medidas económicas fortísimas para protexer con diñeiro público a patronal: bonificacións nas cotizacións á Seguridade Social, exencións tributarias ex profeso, eliminación ou suspensión de impostos, créditos ICO...; por non falar das medidas adoptadas por outras administracións e que aínda están vixentes: terrazas gratis ocupando a vía pública, axudas ao alugueiro ou impostos municipais cancelados, entre outras”.

Medidas, que, tal e como denuncia a CIG-Servizos, estiveron "ao servizo da predadora burguesía da hostalería", que se ofreceron ademais sen condicionantes, vendéndose por parte do Goberno español como medida estrela que as empresa deberían manter o persoal durante seis meses tras a reactivación da actividade.

Explica que, porén a realidade da clase obreira foi, entre tanto, “terríbel” porque nun sector onde unha porcentaxe moi elevada de horas faise en ‘b’, pasouse a cobrar como estando no desemprego -e polo tanto percibindo o 75% do salario que se cotiza, e non do que se cobra nin do que se traballa-, cotizando a maiores tamén pola prestación recibida, xa que non se eximiu nin se bonificou á clase traballadora. "Iso si, con outra medida estrela para colgarse a medalla: até outubro dese ano as prestacións de desemprego non devindicarían o período ao que se tivese dereito. Outra conquista", afirma con ironía Xosé Paz, da CIG-Servizos.

Neste senso critica que, “nesa fase en que a diferenza entre as persoas ricas da hostalería e a inmensa maioría pobre ou moi pobre se afondaba, o autodenominado Goberno máis progresista da historia adoptaba un discurso 'salvapatrias' por manter aboiando un dos sectores máis precarios da economía (im)produtiva do país".

Máis carga de traballo pero non se garante o poder adquisitivo dos salarios

Chegado o ano 21, co 6,5% de IPC, de alza dos prezos, sumado a ese anterior 1,5% de perda de poder adquisitivo dos soldos, e con dous anos xacobeos "de regalo" da Xunta, a hostalería comezou a recuperar de forma masiva a ocupación pre-pandémica, ao punto de ter superado xa cifras de 2019 e batido récords, por exemplo, de chegada de turistas.

Nesta tesitura, a CIG-Servizos Lugo subliña que as traballadoras e traballadores do sector “acumulan carga de traballo de forma inxente en grande parte grazas ao antedito: a intervención salvadora da administración máis progresista da historia non contemplou condicionantes para o acceso ás axudas”. O enfraquecemento das empresas durante a pandemia non ten “analoxía coa recuperación do emprego tras dela, isto é, as persoas que continúan nas empresas fano cunha carga de traballo maior a causa do descenso na contratación e a recuperación ou mesmo o incremento da demanda da clientela”, explica.

Maior carga de traballo e unha vida un 8% máis cara, que no momento da sinatura do convenio chegou a un acumulado superior ao 11,5% (xullo de 2022), e sen percibir atrasos por todos os anos anteriores, porque o acordo contempla unha suba do 1,5% para 2021, este incremento non ten efectos retroactivos (atrasos), do 3,5% en 2022 (IPC do 6,5%),  e do 2,5% en 2023 e 3% en 2024.

Todo isto con Cláusula de revisión salarial ligada ao IPC que se atrasa ao final da vixencia do convenio pero sen efectos retroactivos. "A única garantía que ofrece esta cláusula é que imos perder o poder adquisitivo dos salarios que vai entre a suba pactada e o IPC real. Lembremos que no mes de xullo 2022 o IPC foi do 11,5%".

A presenza da CIG na negociación permitiu introducir melloras no convenio

No relativo aos demais puntos do convenio, aínda que o foco sempre se coloque na cuestión salarial, lembran que a presenza da CIG serviu para que a negociación !evitara o  precipicio que CCOO e UGT estaban en disposición de asumir” porque, de feito, até o ultimo intre nin sequera falaban de incluír esta pseudo cláusula de revisión salarial ".

A desconexión dixital, regulada legalmente, será así mesmo introducida no articulado co fin de garantir o seu coñecemento polos traballadores e traballadoras.

Paz lembra que cando estaban na negociación do Convenio da Hostalería de Lugo, viviron unha situación de desacordo con respecto as posicións tanto da patronal, como UGT e CCOO, despois de terlles informado de que se asinara o convenio de Hostalería de Ourense nos seguintes termos: 2022 subida do IPC real do ano anterior, 6,5%, 2023, 2,5%, con cláusula de revisión, e 2024 2,5% con cláusula de revisión. Termos semellantes á plataforma que a CIG presentou para a provincia de Lugo, o que demostra que a plataforma da CIG era moi realista.

Alí informaron dese acordo, dicíndolles que terían difícil explicarlle á xente do sector da hostalería de Lugo a sinatura dun convenio con peores condicións económicas e sociais que fixeron en Ourense. “Difícil de explicar por parte da patronal e máis difícil aínda por parte de UGT-CCOO”, matiza. Porén, as dúas partes fixeron oídos xordos, escusándose en que a situación da hostalería de Lugo é peor que a de Ourense, como se Ourense tivese mar e tres camiños de Santiago co que iso supón turisticamente para o sector.

“Os nosos esforzos foron para o caldeiro do lixo,  eles seguiron ao seu, a patronal,  CCOO e UGT asinaron o convenio nos termos que acabamos de expoñer, sairá en breve publicado no BOP”, conclúe.

Volver