A CIG denuncia que o peche do Balneario de Baños de Molgas deixa o persoal nunha situación crítica

As 15 traballadoras/es non teñen dereito a prestación de desemprego por tela consumido nos ERTE covid e ao seren fixas/os descontinuas

Ourense -

A CIG de Ourense denuncia que o peche do Balneario de Baños de Molgas, que se atopa en fase de liquidación, deixa o cadro de persoal nunha situación económica crítica, xa que as 15 traballadoras/es non teñen dereito a prestación de desemprego por tela consumido nos ERTE presentados durante a pandemia da covid e ao seren empregadas/os fixas/os descontinuas.

O secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo, compareceu en rolda de prensa nas instalacións do balneario xunto a un grupo de afectadas/os para reclamarlle publicamente ás familias propietarias do negocio “que poñan cartos enriba da mesa para que o seu persoal non quede con cero euros de ingresos mensuais e teña que vivir practicamente da beneficencia ou dalgún tipo de subsidio social por culpa da mala xestión que levou o negocio ao fracaso”.

Pérez Carballo explicou que a instalación,q ue este ano cumpre século e medio de existencia, sendo o balneario máis antigo da provincia, atópase na actualidade en situación de concurso de acredores, en fase de liquidación, e cunha a proposta da administración concursal de vender o inmoble, o negocio e a actividade.

Neste senso, adiantou que hai varios grupos empresariais interesados, “pero suporía un forte investimento, xa que nos últimos anos non se destinou nada dos enormes beneficios a manter e mellorar as instalacións”. Con todo, amosouse convencido de que o negocio é rendíbel e de que con toda probabilidade será adquirido e volverá á actividade, pero sinalou que o verdadeiro problema é o drama humano que provoca todo este proceso. 

As familias propietarias do balneario, que amasaron inxentes cantidades de diñeiro a costa das traballadoras/es, abandónanas/os agora á súa sorte

“Na actualidade conta con 15 empregadas/os, por non falar do que o balneario move a nivel económico na comarca, e cando a administración concursal propón un ERTE para que as persoas afectadas poidan acceder a unha prestación mentres non se produce a venda e a remodelación das instalacións, atopámonos con que o SEPE anuncia que se lle van denegar as prestacións por desemprego no ERTE porque xa o teñen consumido”, resumiu.

E iso foi así porque, ao contrario do que anunciaba o Goberno español, tras os ERTE presentados como consecuencia da pandemia da covid “o reloxo non se poñía a cero, de xeito que o persoal do balneario foi consumindo o desemprego acumulado durante o ERTE no que estivo todo 2021 e dous meses de 2022”. E non tiñan acumulado o 100% porque son fixas/os descontinuas/os, polo que non traballan moito tempo seguido e non teñen dereito a dous anos de paro.

“Agora atopámonos con que as familias propietarias do balneario, que amasaron inxentes cantidades de diñeiro a costa da suar das traballadoras/es, abandonan o persoal á súa sorte, de xeito que van vender o negocio, tirar beneficios unha vez máis e repartilos, mentres as empregadas/os non van ter ningún tipo de ingreso neste tempo”, censurou.

Xestións institucionais

Neste contexto, a central sindical iniciou contactos co Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico e co Instituto Galego de Promoción Económica para intentar atopar algún tipo de financiamento co que garantir a supervivencia económica destas persoas, “pero sabemos que estas cousas non se resolven de xeito inmediato”.

Polo que reclama que as familias propietarias anticipen os cartos necesarios, “porque ao final vanos recuperar coa venda do balneario”. “É absolutamente inmoral e indecente que deixen o persoal abandonado despois de tantos anos de servizo, e sobre todo tendo en conta que nos últimos tempos foi o propio persoal o que practicamente tivo que xestionar o negocio ao producirse un abandono empresarial”.

Pola súa banda, a delegada de persoal, Carmen Suárez, da CIG, trasladou o profundo malestar das traballadoras/es pola situación que están a vivir a pola actitude da empresa, e lembrou que mesmo chegaron a facer horas extras e a traballar festivos sen cobrar. En 2022 estiveron catro persoas de baixa, e o resto tivo que sacar o traballo adiante; “e así é como nos pagan agora, deixándonos abandonadas/os”. “Sempre fixemos todo o que nos pedían pola empresa, pois agora que fagan algo por nós”, rematou.

Volver

Novas relacionadas