A CIG denuncia a ausencia de dirección e de EPIS na residencia integrada de Baños de Molgas

Afirma que impiden a realización da avaliación de riscos laborais

Ourense -

A CIG asistiu, este mércores, a unha visita de avaliación de riscos laborais para a elaboración do Plan de prevención na residencia dos Milagres en Baños de Molgas, da Fundación San Rosendo, reconvertida en residencia “integrada” pola Xunta para acoller a maiores infectados/as.

A visita evidencia a descoordinación entre a Consellería de Política Social e o SERGAS. Nese mesmo día o até o de agora director, Miguel Angel Vazquez, recoñecido xeriatra é cesado coa escusa de “pasar” a dirección asistencial ao SERGAS. Nin sequera o servizo de prevención que vai realizar a avaliación de riscos tiña coñecemento da nova dirección do SERGAS.

A CIG-Autonómica valora a experiencia afirmando que, “visitamos “Chernobil” e non se nos dan EPIs polo que NON podemos acceder as instalacións residenciais (unicamente a administración e a sala de cursos) e por tanto NON se pode facer o proceso de recollida de datos nin comprobar a implantación das medidas preventivas”.

Especifica que:

  1. Non se puido comprobar o uso de EPIS por parte do persoal.
  2. Non se puideron visitar as instalacións
  3. Confírmanse as sospeitas sobre o ineficaz de forzar ao persoal baixo ameazas e ademais sen ningún tipo de información. Así recoñeceuse que o feito de que o persoal veña obrigado (con ameaza de repercusións penais) non é adecuado para traballar con normalidade e seguridade e aumenta os problemas no centro.
  4. Non hai director que é o máximo responsable en prevencións. Non dan máis explicación ante a súa ausencia máis que “foi cambiado”.
  5. Comprobouse que as persoas que se presentan como responsables do centro non coñecen o Plan de acción de COVID elaborado polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais a finais de marzo polo que a CIG-Autonómica cuestiona que sexa aplicado correctamente.
  6. Esta visita parece dirixida a cumprir un requirimento legal dalgunha autoridade laboral como pode ser a inspección de traballo (ante a que a CIG presentou varias denuncias) pero na práctica é inútil xa, que non se puido ver nada, nin comprobar as medidas preventivas e nos temos que quedar coa versión que nos dan.
  7. Na visita insistiuse na necesidade imperativa de facer os TEST nas residencias integradas. Logo de manifestar dende Política Social que o SERGAS non quere facerlle os TEST para a detección do coronavirus ao persoal destes centros que traballa con residentes positivos, vaille facer ao persoal de Baños de Molgas xa que traballaron coas máscaras do lote defectuoso. De tres grupos xa lle fixeron a dous e unha traballadora deu positivo. Dende a residencia de Baños de Molgas trataron de convencer á representación da CIG-Autonómica de que seguramente “se contaxiaría fóra” porque non “saía de cociña”. Afirmacións que foron cuestionadas e polo que se solicitou, en todo caso, a consideración a todos os efectos do contaxio como accidente laboral.

A CIG-Administración Autonómica pregúntase se se trata dunha improvisación ou de falta de coordinación. “A resposta é mala xestión e soberbia da consellería que produce unha e a outra. Mentres o persoal  ten que traballar en condicións extremas de risco e sen que se lle garantice unha mínima seguridade laboral, xógase coa saúde no seu posto de traballo. Unha consellería irresponsábel que bota balóns fóra acusando ao SERGAS, a Función Pública e que sen ningún escrúpulo pretende sacudirse de enriba a súa responsabilidade neste desastre”, denuncia.

Volver