A CIG denuncia o uso fraudulento dos ERTE por parte de Carrís Hoteles e o despedimento represivo dun traballador

Santiago -

A CIG critica a actuación represiva de Carrís Hoteles que vén de despedir un traballador de servizos centrais despois de que este presentara demanda contra a empresa por trato discriminatorio na aplicación dun ERTE. A CIG-Servizos denuncia que estamos ante un novo exemplo de uso fraudulento deste mecanismo e por iso tamén lle reclama á Xunta de Galiza que rescinda o contrato de xestión das instalacións do Monte do Gozo adxudicado a esta empresa.

Hai que subliñar que o pasado mes de novembro, o TSXG emitiu sentenza pola cal anulou, a petición de oficio da Consellaría de Emprego, o acordo do último expediente de regulación temporal de emprego aplicado por Carrís Hoteles, ao detectar deficiencias no período de consultas e mala fe na negociación.

Ademais, nesa resolución o alto tribunal galego declara que incluso existiu discriminación contra un traballador que xa estivera afectado polos expedientes Covid e ETOP aplicados sucesivamente, sendo o único do seu grupo profesional nesta situación. Por este motivo, cando Carrís Hoteles formulou este novo ERTE, o traballador xa esgotara o dereito a percibir a prestación por desemprego.

Unha vez coñecida a sentenza, o traballador presentou demanda por vulneración dos seus dereitos e agora a empresa acaba de despedilo. Para a CIG-Servizos de Compostela este despedimento é nulo por canto constitúe unha clara represalia contra o traballador por ter reclamado os seus dereitos, polo que a medida será recorrida na vía xudicial.

Xunto a isto, a central sindical denuncia a fraude que as empresas está na facer na aplicación dos ERTE, utilizando as regulacións de emprego como mecanismo para reducir os cadros de persoal cando lle interesa, mais evitando ter que afrontar os custes das indemnizacións e cargando sobre o erario público os gastos sociais.

Cómpre subliñar que no caso de Carrís Hoteles hai un grupo de traballadores e traballadoras que levan catro anos consecutivos en ERTE, e segundo o SEPE non consta no Estado español ningún outro caso de persoas que leven máis tempo consecutivo nesta situación. Por se non fora abondo, a día de hoxe, Carrís Hoteles aínda ten pendente de abonarlle a seis traballadores/as os atrasos dos 13 meses que estiveron en ERTE.

Porén, para a CIG-Servizos de Compostela o máis grave é que a Xunta de Galiza, que foi quen de oficio denunciou o último expediente por fraudulento, lle manteña a concesión do albergue do Monte do Gozo, pois Benvido Albergues (a empresa que xestiona as instalacións) é tamén do grupo Carrís Hoteles e incluso o persoal de servizos centrais de Carrís da servizo ao albergue. 

Volver