A CIG consegue que se avance na municipalización do SAF en concellos do Barbanza

Votaron a favor as corporacións de Boiro e Noia e xa foron subrogadas as traballadoras da Pobra do Caramiñal

Barbanza -

A CIG vén de conseguir que se avance no proceso de municipalización dos Servizos de Axuda no Fogar en concellos como Boiro e Noia, logo de que xa foran subrogadas e pasaran a traballar directamente para o concello as traballadoras do SAF da Pobra o pasado día 1 de marzo.

A CIG das rías levou aos plenos de Boiro, a través do BNG, e de Noia, a través da Marea Cidadá, unha moción para que os respectivos gobernos municipais inicien, á maior brevidade posible, os estudos e trámites necesarios para que o Servizo de Axuda no Fogar pasaran a ser xestionados directamente polos concellos.

A moción foi finalmente aprobada nos plenos municipais celebrados este xoves, día 30 de marzo, no caso de Boiro por maioría, coa abstención do PP e do concelleiro de Ciudadanos, e no de Noia por unanimidade, incluído o voto a favor do grupo do PP.

Xan García, da CIG das Rías, lembra que esta moción foi promovida en pleno conflito nos SAF por un convenio digno. Por iso manifesta a súa satisfacción polo avance que supón tanto para mellorar as condicións laborais das traballadoras como a calidade no servizo. Nese sentido apunta que “a precariedade e calidade dos servizos está en relación co nivel de explotación que padecen as traballadoras das empresas privadas”.

Considera ademais que a xestión directa do servizo permitirá garantir unha mellor atención á poboación, cada vez máis envellecida, e lembra que as empresas que prestan estes servizos  teñen como obxectivo “enriquecerse dos fondos públicos, reducindo custos de produción e, sobre todo, precarizando a man de obra maioritariamente feminina” que traballa nos SAF.

Primeiro paso

A aprobacións destas mocións é o primeiro paso para avanzar na municipalización. “Agora o que imos estudar é a fórmula a empregar, se mediante empresa pública ou mediante subrogación, pero o acordo plenario xa está dado”, explica o representante da CIG.

As dúas empresas privadas que operan nestes concellos son Meu Lar, de Cogami, no caso de Noia, e Atende en Boiro, nas que a CIG ten o 100% da representación.

Respecto da municipalización do servizo na Pobra do Caramiñal, foron xa subrogadas 22 traballadoras do SAF que procedían da empresa privada. Neste caso a iniciativa foi do BNG e a CIG interveu na medida en que tiña a representación sindical. García afirma que “foi un concello pioneiro” e conclúe que esa é a senda que deberían de seguir todos os concellos do país.

Volver