A CIG rexeita as polémicas ficticias que buscan desestabilizar a negociación colectiva no Concello de Corcubión
Lembra que UGT non participa das negociacións porque non ten representación sindical
Corcubión -
A CIG rexeita as críticas vertidas nas últimas semanas, principalmente polo grupo municipal do PSOE de Corcubión e o sindicato UGT, a respecto da negociación aberta tanto para a renovación do convenio colectivo do persoal laboral do Concello como a negociación da nova Relación de Postos de Traballo. A CIG denuncia esta polémica ficticia e mal intencionada que só pretende xerar un mal clima laboral de enfrontamento entre as traballadoras e os traballadores municipais e desestabilizar a negociación en marcha.
Cómpre explicar que en maio de 2023 se celebraron eleccións sindicais no Concello de Corcubión nas que a CIG obtivo toda a representación legal entre o persoal laboral, 3 delegadas. Dende ese momento, que coincidiu tamén coa entrada dun novo Goberno local, iniciáronse conversas para retomar a negociación do convenio e da RPT. Estas negociacións, apunta o responsábel da UL da CIG de Cee, Xabier Santos, estiveran paralizadas durante anos, pola falta de vontade política do Goberno do PSOE. Neste tempo, ademais, a UGT si tiña representación sindical no Concello.
No novo contexto de negociación, dáse prioridade á situación das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, ás que non se lles respectaban dereitos tan básicos como o descanso semanal de 48 horas ininterrompidas ou mesmo carecían dun calendario laboral de rotación co que puideran coñecer coa antelación debida os seus horarios de traballo e os descansos para poder conciliar vida laboral e familiar.
A finais do 2023 chegouse a un acordo de calendario laboral (avalado pola maioría das traballadoras do SAF, sendo unha delas delegada de persoal) que respecta a lexislación vixente (que non se cumpría) en materia de descansos, compensacións de festivos, abono de quilometraxe, rotacións “e respectando sempre a xornada estabelecida nos contratos de traballo e nas condicións de estabilización”. Estas melloras serían incorporadas o convenio e complementaríanse coas melloras económicas que recolla a RPT.
Porén, subliña Xabier Santos, de maneira inexplicábel “UGT presenta un conflito colectivo por suposta inaplicación de convenio, baseado principalmente en que este colectivo laboral só podía traballar de luns a venres”.
Hai que lembrar que os contratos e condicións laborais das traballadoras do SAF foron modificados a raíz da publicación lei de dependencia cando gobernaba o PSOE, hai máis de dez anos. Naquel momento, UGT tiña representación sindical no Concello de Corcubión, e así o testemuñou no xuízo polo conflito colectivo unha das traballadoras que fora delegada por ese sindicato.
Estes feitos “e o absurdo da presentación deste conflito colectivo, quedan reflectidos na propia sentenza que desestima a reclamación por caducidade e, polo tanto, quedan validadas todas as modificacións contractuais realizadas polo PSOE naquel momento e ‘consentidas’ por UGT ao non presentar reclamación”, destaca o responsábel da Unión Local da CIG.
Por último a CIG tamén quere desmentir as acusacións de que non se produza diálogo ou que non exista negociación. De feito, o convenio colectivo xa está denunciado e xa se iniciou o proceso de negociación. “Se UGT non está sentada na mesa de negociación do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Corcubión é simplemente porque non ten representación, e máis, nin sequera se presentou ao proceso electoral para elixir as delegados e delegados do persoal laboral municipal”, asevera Santos.
Feitas estas aclaracións, a CIG non vai a entrar en máis provocacións, “nin en polémicas ficticias que o único que pretenden é desestabilizar o proceso de negociación por intereses alleos aos de todo o persoal do Concello que merecen avanzar na mellora das súas condicións laborais e que o PSOE en 20 non foi quen de facelo”.