Unha manifestación percorre as rúas de Vigo para rexeitar a represión laboral en Eroski

A empresa vasca de distribución despediu até oito traballadores/as nos últimos meses

Vigo -

As centrais CIG, CGT e UGT mobilizáronse hoxe polas rúas de Vigo para rexeitar a vaga de despedimentos que o grupo Eroski está a levar a cabo en distintos establecementos da cidade. Nesta ocasión, tras as concentracións celebradas con anterioridade, a protesta consistiu nunha manifestación dende un dos supermercados da marca na Travesía de Vigo até a zona do Troncal, onde se atopan as oficinas centrais da compañía.

A marcha arrincou do Eroski situado no número 44 da Travesía de Vigo ás 11.00 horas e rematou case hora e media despois fronte ás oficinas centrais da empresa vasca, situadas na zona do Troncal, a carón do centro comercial da Travesía.

Tanto durante o percorrido como unha vez diante das oficinas berráronse consignas contra a represión laboral e os despedimentos e reclamouse a readimisión dos oito traballadores/as afectados/as. Con esta protesta os sindicatos danlle continuidade ao calendario de mobilizacións iniciado tempo atrás.

Volver