Traballadoras/es da limpeza dos colexios de Vilalba mobilízanse contra o impago dos seus salarios

Reclaman tamén a subrogación dunha compañeira pola nova concesionaria, Tragsa

Vilalba -

Traballadoras e traballadores dos servizos de limpeza e conserxería dos colexios e pavillóns que dependen do Concello de Vilalba concentráronse este xoves diante da casa consistorial para esixir o cobro das débedas salariais que a anterior concesionaria, Limpezas García Galcar, ten pendentes de abonar e reclamar que se reincorpore á compañeira a que Tragsa, nova adxudicataria, se negou a subrogar.

Cómpre lembrar que este persoal leva meses vivindo unha situación laboral insostíbel a causa do impago reiterados dos seus salarios -algunhas das traballadoras teñen pendente de cobrar até nove nóminas, e a falta de actuación por parte do Goberno municipal, que malia coñecer xa en decembro pasado estes incumprimentos, non só non lle retirou de inmediato o contrato a García Galcar, senón que en xaneiro llo volveu renovar.  

Porén, o impago dos salarios chegou a un punto de tal gravidade que finalmente o Concello lle retirou a concesión a empresa en xuño, para adxudicarlle o servizo a Tragsa de maneira temporal durante seis meses, prorrogábeis polo mesmo período.

Tragsa non subroga unha traballadora

Mais a entrada de Tragsa, sinala Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo, supuxo unha nova fonte de problemas ao negarse a empresa pública a subrogar a unha das limpadoras CEIP Insua Bermúdez, alegando que o seu contrato estaba en fraude de lei.

Neste senso, explica que García Galcar lle fixera á traballadora un primeiro contrato de tres meses e unha prórroga, e a partir de aí as partes acordaron un contrato verbal a tempo parcial. Malia demostrar cunha vida laboral e un certificado da dirección do centro conforme a traballadora asistía regularmente ao seu posto nas quendas habituais, Tragsa segue negándose a subrogala. Ante esta actitude, Paz indica que a CIG recorrerá á vía xudicial para lograr que se recoñezan a subrogación da traballadora e que sexa reincorporada no seu posto.

Dúbidas sobre o futuro do servizo

A CIG entende que este conflito se prolongará no tempo tendo en conta que, coas débedas salariais que deixou García Galcar, vai ser moi complicado que algunha empresa queira presentarse ao concurso polo temor a ter que asumir tamén esta importante débeda económica.

Por iso, a central apela á responsabilidade do Concello de Vilalba para que poña en marcha as medidas precisas para garantir que se respectan os dereitos das traballadoras/es, que se lle abonen os salarios pendentes e que se preste un servizo adecuado.
 

Volver