Traballadoras do SAF de Arteixo advirten da incapacidade organizativa da empresa

Concentráronse este xoves diante do Concello para reclamar a súa intervención

Arteixo -

Traballadoras e persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar de Arteixo concentráronse este xoves ao mediodía diante do Concello para denunciar a desorganización na que se atopa a parte do servizo adxudicada a empresa Osventos e a inacción do Goberno local. Na protesta tamén se lembrou á compañeira asasinada no Porriño e se reclamaron condicións dignas para o sector.

A concentración desenvolveuse coincidindo coa celebración do pleno municipal no que se tratou unha moción instando a remunicipalización do servizo, xa que a concesión a Osventos remata a finais de ano e sen perder de vista que a adxudicataria do outro lote é a empresa Aralia, a mesma que presta o SAF no Porriño.

O secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Adolfo Naya, advirte da precaria situación na que se atopa o servizo prestado por Osventos pola “incapacidade organizativa da empresa adxudicataria”. Sinala que nestes momentos só está en activo unha das tres coordinadoras, polo que o servizo “está descontrolado, o que repercute negativamente na atención que se presta e compromete a continuidade na atención ás persoas usuarias”.

Critica que a empresa sabía que esta situación se ía dar pero non adoptou ningunha medida para reforzar o persoal de coordinación, “senón que sobrecargou de traballo ao persoal que quedaba até chegar a este punto”. Naya lamenta tamén a falta de actuación por parte do Concello de Arteixo a quen lle reclamou que asuma a súa responsabilidade e garanta unhas condicións dignas no SAF e unha atención de calidade.

Volver