Traballadoras de residencias privadas reclaman en Lugo máis persoal e que se equiparen as súas condicións

Concentráronse no edificio da Xunta dentro da campaña da CIG-Servizos polo incremento das ratios

Lugo -

A CIG-Servizos continuou este luns coa campaña de mobilizacións para esixir máis persoal nas residencias privadas e pola equiparación das condicións laborais coas que existen nas residencias de xestión pública. Nesta ocasión a concentración realizouse diante do edificio administrativo da Xunta en Lugo, onde depositaron cueiros a modo de protesta pola falta de resposta da Consellería de Política Social.

Con estas mobilizacións quérese reclamar da Xunta de Galiza a equiparación das condicións laborais das traballadoras das residencias privadas coas que teñen as traballadoras das residencias públicas, "porque é de xustiza que o persoal que fai o mesmo traballo teña as mesmas condicións laborais".

Por iso, a CIG-Servizos demanda máis ratios de persoal para que a carga de traballo "sexa en condicións de humanidade e non de escravitude" debido ás baixas ratios decretadas pola administración galega, que ademais moitas empresas nin sequera están a cumprir ao computar tamén o persoal de atención non directa. Neste senso, reclamar un incremento das ratios suporía non só poder mellorar as condicións de traballo, "senón que as persoas usuarias teñan o mellor coidado que merecen".

Por isto, as delegadas da CIG e as traballadoras sinalan que non van parar de mobilizarse "até que consigamos as condicións laborais dignas que merecemos e que son nosas por dereito propio, que foron roubadas por ladróns chamados empresarios coa complicidade do Goberno da Xunta de Galiza coa súa política de privatizacións e de amiguetes".

Precisamente, a causa das cativas condicións e salariais as empresas están tendo moitos problemas para atopar persoal, especialmente para as categorías de xerocultura e limpeza. Unha precariedade que o convenio colectivo que a patronal, CCOO e UGT veñen de asinar non corrixe en absoluto e contra da que a CIG-Servizos iniciou unha loita prolongada para esixir unhas condicións dignas e que as empresas do sector, con grandes multinacionais controladas por fondos de investimento e con millóns de euros de facturación, cumpran a lei.

Volver