Traballadoras das escolas infantís Galiña Azul mobilízanse contra a supresión do proxecto educativo e as titorías no tramo 0-3 anos

Reclaman garantir a calidade educativa dos centros con persoal e unha axeitada organización

Nacional -

Traballadoras das escolas infantís Galiña Azul, dependentes do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, concentráronse esta mañá, primeiro diante dos servizos centrais do Consorcio, en San Lázaro, e posteriormente en San Caetano, diante de Política Social. Denuncian que coa redución horaria a administración suprimiu o proxecto educativo e mesmo as titorías nas escolas infantís de 0-3 anos da Galiña Azul e que onte mesmo, desde a Xerencia, ameazaron ao persoal para intentar frear as protestas.

Segundo explicou Zeltia Burgos, responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica, o persoal viña reclamando unha redución horaria para acadar as 35 horas semanais. Unha demanda que se efectivizou mediante acordo xa en agosto do ano pasado. A partir de aí iniciouse unha negociación coa administración que deu por rematadas as conversas o pasado día 30 de xaneiro. O problema é que co recorte horario non queda garantido nin o proxecto educativo, nin sequera as titorías coas familias.

Rebeca Quintillans, traballadora nas escolas do Consorcio e delegada da CIG, asegura que desde o Consorcio decidiron “unilateralmente”, que esas 35 horas de traballo “sexan unicamente dentro das aulas e que, por vontade, cada unha se autoorganice na súa casa”.

A este respecto Burgos subliña que ao ser o novo horario 100% lectivo “se as compañeiras queren realizar titorías cos pais e nais, ou programacións, ou a avaliación educativa que lles corresponde como profesionais, terían que facelo ou no seu tempo de lecer ou nas súas casas”. Entende que isto é “inadmisíbel” porque implica recortar en calidade educativa.

“Non sei se pensaban que nun sector tan profesionalizado como é a área de escolas infantís, co nivel de titulación que temos e volcado totalmente á etapa cero-tres, iamos estar caladas”, apunta Quintillás.

Considera que non denunciar esta situación “sería un acto de irresponsabilidade pola nosa parte”. Incide en que traballan “nunha etapa de idade moi vulnerábel” na que a atención e os coidados “son fundamentais”. Lembra, ademais, que esta etapa está regulada por Lei e por Decreto e que teñen que asumir “unhas obrigas lexislativas de cara a programar, a avaliar, a atender ás familias ou reunirse nos claustros”. Tempo, todo este, que non está contemplado.

Ameazas ao persoal

Ao inicio da mobilización diante dos servizos centrais do Consorcio saíu a propia Xerenta, Carmen Campelo, a explicarlles ás traballadoras alí presentes que as negociacións aínda estaban abertas, contradicindo así a versión do propio persoal.

Respecto desta cuestión Burgos lembrou que onte mesmo, nun intento de frear esta protesta as traballadoras recibiron ameazas. “Temos coñecemento de chamadas por parte da Xerencia do Consorcio a directoras e a traballadoras no día de onte”, dixo. Ademais, enviáronse whatsapps ás traballadoras para amedrentalas “sobre todo ao persoal temporal, que se está vendo acosada pola súa dirección e, polo tanto, ten medo”. Xunto a isto remitiuse unha carta ás familias desmentindo as denuncias do persoal e afirmando que as negociacións estaban aínda en curso.

Para Burgos o deterioro da calidade educativa nas escolas infantís públicas “ten evidentemente unha intención política por parte da Xunta”. Considera que se fai para igualalas ás garderías privadas. E que “iso está dentro dun plan orquestrado que comezou coa gratuidade xeral tamén das escolas privadas que as pagamos todos e todas”.

Volver