Todo o persoal de Blavice Services de Narón e Vigo vai á folga polo mantemento dos seus empregos

Traballadores/as de ambos centros manifestáronse polas rúas de Ferrol

Narón/Vigo -

A práctica totalidade dos traballadores e das traballadoras dos centros de Blavice Services de Narón e Vigo están secundando este mércores unha xornada de folga en rexeitamento á decisión da empresa de liquidar a sociedade e despedir a todo o cadro de persoal. Con motivo do paro, as traballadores e traballadores de Narón e Vigo realizaron unha mobilización polas rúas de Ferrol, que rematou diante do edificio da Xunta de Galiza, á quen lle demandaron a súa intervención.

Blavice Services é un centro especial de emprego que se dedica ao reparto de publicidade, buzoneo e márketing directo, que en Galiza ten dous centros de traballo, o de Narón e o de Vigo, nos que emprega a unhas 100 persoas con capacidades diversas.

Nestes momentos está en concurso de acredores e aínda que a representación sindical da CIG está intentando acadar coa empresa unha solución que non pase polo peche e que garanta que se lle van abonar os traballadores e traballadoras os salarios adebedados, a intención de Blevice é liquidar a sociedade.

Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol, explica que os problemas se veñen arrastrando dende o ano 2020, cando a empresa comezou a pagar menos do legalmente esixible a unha parte do persoal que conservaba mellores condicións que as establecidas no convenio colectivo sectorial, ao vir subrogado da empresa Amil Lago Servicios Generales.

Despois de varias reunións e de iniciarse un proceso de conflito colectivo, a empresa pediu negociar o pagamento dos atrasos, acordándose adiar o abono dos atrasos durante 12 meses. Porén cando en xuño deste ano tocaba negociar como ían ser ingresadas estas contías, a dirección propuxo unha modificación substancial colectiva das condicións de traballo "na que se especificaba a necesidade de que se perdoasen o 100% dos atrasos para garantir a supervivencia da empresa".

Ante a intransixencia da empresa, o período de consultas remata sen acordo e é entón cando a empresa "toma a decisión de liquidar a sociedade", o que abocaría ao paro ás traballadoras e traballadores.

Agora, en pleno concurso de acredores, a representación da CIG está mantendo contactos coa administración para concursal para acadar unha saída o menos lesiva posíbel para o persoal e que se lle dean garantías de cobro das cantidades adebedadas. Así como para trasladarlle toda a información do acontecido durante a negociación do expediente de modificación substancial das condicións laborais.

Porque as traballadoras e traballadores sospeitan que atrás desta decisión, o que pretenden os socios é conservar a clientela que tiñan para continuar a actividade a través doutra empresa libre de responsabilidades salariais cos empregados e empregadas, contratando de novo ao persoal mais sen antigüidade, nin as melloras obtidas no convenio previo. Neste senso, Rodríguez agarda que a "administración concursal declare o concurso culpábel".

E na mesma liña, demanda da Xunta de Galiza unha actuación decidida para evitar o peche destes centros especiais de emprego que, cómpre lembrar, perciben importantes axudas públicas. A CIG-Servizos xa mantivo un encontro o pasado mes coa dirección xeral de Relacións Laborais para pedir a súa mediación e está prevista unha nova xuntanza o vindeiro 10 de novembro.

Volver