No 3º día de folga, as traballadoras da limpeza reivindican nas rúas de Lugo un convenio digno

Lugo -

A terceira xornada de folga na limpeza continúa a rexistrar un seguimento maioritario entre o persoal, que este mércores aproveitou para visibilizar a súa loita cunha manifestación que saíu ao mediodía do edificio da Xunta de Galiza en Lugo e rematou diante da sede da confederación provincial de empresarios/as.

Malia o silencio da patronal (encabezada pola asociación estatal ASPEL) e os abusivos servizos mínimos decretados nalgúns centros de traballo, as traballadoras non se resignan e manteñen firme a súa disposición para pelexar por un convenio digno con salarios xustos. Neste senso, a representante da CIG, Asunción Castiñeira rexeita o ninguneo de ASPEL a todo o colectivo de traballadoras e traballadores, pois case tres meses despois, segue sen responder á última proposta trasladada pola parte social e sen fixar data de reunión da mesa.

Considera unha auténtica burla e unha falta de respecto absoluta que no día de onte ASPEL confirmara xuntanza de negociación do convenio provincial de Pontevedra, "pero en Lugo, en plena folga indefinida cun seguimento masivo non teñamos resposta de ningún tipo". Lembra o moito que custou sentar a patronal na mesa de negociación para renovar o convenio (vencido en 2021) polo que, advirte, o persoal non vai renunciar agora a loita polos seus  dereitos. Máis cando as táboas de convenio xa foron superadas polo SMI e as traballadoras son cada día máis pobres, malia realizaren unha actividade considerada esencial.

Para Castiñeira, a patronal está tensando a corda coa esperanza de que as traballadoras e traballadores cansen e abandonen a mobilización, "algo que non vai suceder porque o sector está moi cabreado e moi farto de tanta precariedade". Ao contrario, apunta, "seguiremos cos piquetes mañá e tarde e co calendario de mobilizacións diarias até que haxa unha solución".

Así, para a xornada de mañá, xoves 19, está convocada unha concentración ás 12 horas diante das oficinas de Eulen, xa que esta é a única empresa integrada en ASPEL que ten sede en Lugo.  

Nesta liña Castiñeira reiterou que se a patronal pretende alongar o conflito no tempo "debe ter moi claro que a proposta que puxemos enriba da mesa o 27 de xuño xa non vai valer". E fixo un chamamento a todas as traballadoras e traballadores a secundar a folga e as mobilizacións que se convoquen "porque só a través da loita poderemos acadar un convenio digno".

Volver