Teleoperadoras/es do 061 anuncian mobilizacións ante os ataques aos seus dereitos laborais

A concesionaria do servizo ameaza coa modificación substancial das súas condicións laborais

Teleoperadoras/es e locutoras/es do 061 veñen de reclamar respecto aos seus dereitos laborais. Denuncian que a concesionaria do servizo de operación telefónica da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061, Fidelis Servicios Integrales S.L.U. (Grupo Servicio Móvil S.A.), ameaza coa modificación substancial das condicións laborais da meirande parte do cadro de persoal, o que suporía a precarización para as traballadoras e traballadores e un deterioro importante na calidade deste servizo esencial para a cidadanía. Por este motivo, anuncian mobilización s e non descartan ir á folga, que podería coincidir coas festas de Nadal e fin de ano.

A denuncia en Inspección de Traballo presentada polos representantes das traballadoras e dos traballadores por varios incumprimentos do Convenio de Centro de Chamadas (Contact Center), resolveuse cun requirimento de aplicación inmediata da Inspección que insta á empresa a que respecte os descansos de dúas fins de semana ao mes, tal e como establece o convenio colectivo, para as traballadoras e traballadores do servizo de urxencias sanitarias 061, dependente do SERGAS.

Ante esta esixencia, Fidelis Servicios Integrales S.L.U., propuxo ao cadro de persoal inaplicar o convenio en materia de xornada, proposta que foi rexeitada polo cadro de persoal. Lonxe de buscar unha solución negociada, respondeu ameazando con reducir a xornada laboral a parte das traballadoras e traballadores se non lograba que se aprobara a súa proposta unilateral de inaplicación de parte do convenio ou un convenio feito a medida da empresa (e sen aportacións da parte social), propostas da empresa que tamén foron rexeitadas pola asamblea de persoal.

Sorprendentemente, tampouco presentou ningunha alternativa de horario que cumprise cos descansos establecidos pola Inspección de Traballo e que permitise ás traballadoras e traballadores manter as súas condicións e xornadas actuais.

O 061 mira para outro lado

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061, contratista de Fidelis para a prestación do servizo de operación telefónica, tamén se desentendeu do conflito e afirmou que non ten capacidade legal para obrigar a Fidelis a cumprir coa normativa vixente. O que resulta sorprendente, xa que os pregos de condicións recollen en varios apartados a obriga de respectar as cuestións previstas no Convenio de Centros de Chamadas (Contact Center). Ademais, o incumprimento é evidente, posto que hai un requirimento indubitado da Inspección de Traballo, autoridade competente en materia laboral.

Volver