Seguimento total na folga das traballadoras de Perfumerías Arenal en demanda duns salarios dignos

Coincidindo co paro, que provocou o peche da maioría das tendas da provincia, o persoal estase mobilizando na Coruña

A Coruña -

As traballadoras e traballadores das tendas Arenal da provincia da Coruña están este venres en folga para demandar uns salarios dignos e un reforzo do persoal. Denuncian que máis do 70% do persoal (a maioría mulleres) cobra o SMI, malia os avultados beneficios da empresa. Por iso hoxe, coincidindo co Black Friday, acordaron saír á rúa para reclamar cobrar "como as compañeiras que están reguladas polo convenio do comercio vario".

Para visibilizar as súas reivindicacións, as traballadoras están desenvolvendo un intenso calendario de mobilizacións na cidade da Coruña, nas que participa tamén persoal dos estabelecementos de Compostela e Carballo. Pola mañá, comezaron cunha concentración na tenda que Perfumerías Arenal ten na rúa San Andrés e ao remate saíron en manifestación até a tenda do Catro Camiños.

"O salario de Arenal non nos chega para xantar", "vivimos fatal traballando en Arenal", "o paraugas de agasallo a conta do salario" ou "perfumes de luxo, salarios de lixo" foron algunhas das consignas que berraron as traballadoras e os traballadores na mobilización. Ademais, o persoal decidiu acudir vestido de negro e cun cadaleito para simbolizar o enterro das malas condicións laborais, os baixos salarios e a sobrecarga de traballo, rematando así dunha vez coa precariedade.

As protestas terán continuidade pola tarde cunha concentración das 18:00h ás 20:00h no Centro Comercial Marineda City, onde Arenal ten unha tenda.

A empresa négase a negociar unha mellora

O seguimento da folga está sendo practicamente do 100%, coa maioría das tendas da provincia pechadas, e aquelas que conseguiron abrir fixérono basicamente con encargadas e encargados.

A esta folga (convocada pola CIG e UGT, que ostentan a maioría do comité con 6 e 2 representantes) chégase logo dos múltiples intentos de negociar unha mellora nas condicións retributivas, xa que a pesar dos beneficios da empresa a maioría dos salarios apenas chegan ao SMI.

Neste sentido, as dependentas subliñan que non están demandando outra cousa que cobrar o mesmo que as compañeiras do sector reguladas polo convenio provincial de comercio vario, que gañan uns 2.800 euros máis ao ano, no caso da categoría de auxiliar, ou 4.300 euros anuais máis, no caso das dependentas.

Hai que subliñar que Arenal aplica o convenio estatal de perfumerías, de condicións moi inferiores ao provincial en todas as materias. De feito, subliña a CIG-Servizos, na última negociación asináronse unhas táboas que só tres meses despois foron superadas polo SMI.

Á precariedade salarial, súmase a excesiva carga de traballo que ten que realizar o persoal, asumindo de maneira habitual a mobilidade funcional sen a debida compensación económica.

Arenal é unha empresa orixinaria de Lugo, pero nos últimos tempos fusionouse con varias multinacionais do sector e está en pleno proceso de expansión. Porén négase a repartir os enormes beneficios que obtén con quen, precisamente, lle permite gañalos: as traballadoras e traballadores. Nesta situación, o persoal acordou convocar esta xornada de folga e as mobilizacións coincidindo cun día de grandes vendas como o Black Friday, e xa advertiu que se convocarán novos paros para o nadal se a empresa continúa negándose a negociar.

Volver