Seguimento masivo da folga na sanidade privada malia as manobras e presións da patronal para boicotear o paro

As grandes empresas adiantaron cirurxías e enviaron mensaxes ao persoal para tentar desacreditar a convocatoria

Nacional -

As traballadoras e os traballadores da sanidade privada da Coruña están secundando este xoves a primeira das nove xornadas de folga para reclamar un convenio xusto, con salarios dignos e unha mellora real das condicións laborais. Esta xeira de folgas enmárcase no intensísimo calendario de mobilizacións que as centrais sindicais teñen convocado no sector e vén sumarse aos paros e ás protestas que o persoal está a desenvolver dende setembro ante o inmobilismo patronal.

A folga, convocada por CIG, UGT e CCOO, afecta a todos os hospitais e centros sanitarios da provincia rexidos polo convenio provincial e terá continuidade na xornada de mañá, venres día 15. O seguimento, explica o responsábel de negociación colectiva da CIG-Saúde, Miguel Tizón, segue a liña das folgas anteriores, malia os intentos da patronal de desacreditar a convocatoria.

Aínda que algo máis irregular é a incidencia no Juan Cardona de Ferrol, nos hospitais Modelo, Belén, A Rosaleda ou A Esperanza o seguimento é moi elevado (cos corredores baleiros e colas en admisión), mentres que no QuirónSalud (Santa Teresa) practicamente o 100% do persoal está secundando a folga.

Para darlle visibilidade a súa loita, as traballadoras e traballadores concentráronse hoxe diante do Hospital QuironSalud na Coruña e na Rosaleda en Compostela e mañá, venres, repetirán mobilización ao mediodía diante da Rosaleda.

Cirurxías por enriba da ratio

Que as propias empresas sabían que a folga ía ser un éxito, valora Tizón, evidénciao o feito de que "levan toda a semana presionando as traballadoras e traballadores de maneira verbal e a través de mensaxes corporativas e, onte mesmo, o Quirón enviou un correo a todo o persoal desacreditando os motivos da folga".

Aínda máis, subliña, "Quirón, sabendo que hoxe e mañá ía ter que suspender cirurxías, leva programando intervencións por riba da ratio que debería, co risco que isto implica tanto para o persoal como para a seguridade das e dos pacientes". Pola súa banda, o grupo HM (tanto no Belén como na Esperanza) programou para hoxe máis consultas e operacións das habituais co obxectivo de boicotear a folga "agardando que o persoal se sinta na obriga moral de acudir ao seu posto".

A isto hai que engadir as políticas represivas exercidas por algunhas direccións contra os traballadores e traballadores que secundan as folgas, trasladándoas dos servizos no que están habitualmente. O representante da CIG rexeitou estas actuacións patronais que considera "gravísimas", nun casos polos riscos que entraña para as e os profesionais e para as persoas usuarias, noutros polo que supón de vulneración dun dereito fundamental como o dereito á folga.

As centrais sindicais tamén se teñen dirixido á Inspección de Traballo para solicitarlle que se presente no día de hoxe nos centros e comprobe os abusivos servizos mínimos impostos "porque as empresas están confundindo o que debe ser o servizo esencial coa actividade ordinaria". Os mínimos decretados nas folgas previas foron recorridos en vía xudicial e as organizacións sindicais tamén presentaron alegacións na Consellaría de Sanidade, que non foron atendidas.

Inmobilismo da patronal

Miguel Tizón explica que a decisión de intensificar as mobilizacións se adoptou tras a decisión da patronal de solicitar unha mediación, despois de ter paralizadas as negociacións durante meses. Cualifica esta manobra de "chantaxe" por canto a patronal pretende ir a esa negociación sen retirar as súas propostas de miseria e recortes de enriba da mesa, e coa intención de liquidar o convenio "pola mínima", como xa o conseguiu en negociacións anteriores.

Sinala que as propostas da patronal son inasumíbeis para a parte social posto que os incrementos non garanten a recuperación e o poder do poder adquisitivo do persoal (cando hai categorías que xa quedaron por debaixo do SMI); non se avanza en cuestións básicas na negociación deste convenio como a redución da xornada máxima anual para achegala á media do sector; a patronal négase a abordar o pago do traballo en domingos; e ademais pretende recortar dereitos xa recoñecidos como o cobro do 100% no caso das baixas ou modificar o actual sistema de retribución dos trienios.

As posturas da patronal son tan inmobilistas, critica Tizón, que en todos estes meses non se tratou na mesa ningunha outra cuestión alén dos recortes e o pago en domingos, polo que, polas experiencias previas, entenden que nesa mediación do AGA "estaríamos debatendo arredor destas tres cuestións sen avanzar nada en ningunha outra".

Fronte a isto, o representante da CIG reclamou volver á mesa de negociación e que se atendan as demandas da parte social que “son cuestións moi básicas: unha nova xornada  anual que se adapte á media da que existe no Estado no sector; unhas táboas salariais que partan do SMI e que se inclúa a cobro dos domingos”.

Un convenio que regula a máis de 5000 traballadoras/es

Polo convenio de sanidade privada da provincia da Coruña están reguladas máis de 5.000 traballadoras e traballadores e aínda que atinxe a diversos tipos de estabelecementos sanitarios (como laboratorios de análises clínicas ou clínicas dentais e de fisioterapia), as principais empresas que operan no sector son Quirón, Ribera Salud e HM, propietarias dos grandes hospitais privados  (Juan Cardona de Ferrol, Santa Teresa, Modelo e San Rafael na Coruña, ou A Rosaleda e A Esperanda en Compostela).

O 45% do negocio destes grandes hospitais depende dos concertos co SERGAS, que deriva a doentes tanto para cirurxías como, cada vez máis tamén, para probas diagnósticas. A patronal xustifica a súa pretensión de introducir recortes de dereitos e de negar melloras no convenio argüíndo que as cantidades que reciben por eses concertos son insuficientes, e que “están traballando a perdas".

Fronte a isto, a representación sindical afirma que non é responsabilidade das traballadoras e traballadores, que estas empresas multinacionais asinen concertos por debaixo dos custos. En todo caso, tamén responsabilizan ao SERGAS de non garantir condicións dignas tanto na prestación como nas condicións laborais que ten o persoal destes centros sanitarios que, a causa das políticas do PP de recortes, desmantelamento e privatización da sanidade pública, están cubrindo unha parte importante das listas de agarda da rede pública.

Volver