Recoñécese o dereito do persoal dos centros cívicos de Compostela a manter as condicións laborais anteriores á subrogación
O xulgado do Social obriga a Serviplustotal, Atlantic Ponte 2000 e Nor'Integra a aplicar o convenio vixente cando asumiron as concesións
Compostela -
O Xulgado do Social, nº 1 de Santiago vén de estimar integramente a demanda interposta pola CIG contra SERVIPLUSTOTAL SL, ATLANTIC PONTE 2000 SLU e Nor'Integra SL, concesionarias da Xestión da Rede de Centros Socioculturais do concello de Santiago. Na sentenza emitida declárase o dereito do persoal afectado polo conflito colectivo a que se lles aplique o convenio de Ferrovial Servicios S.A. até a expiración deste convenio ou até a entrada en vigor dun novo.
O 27 de setembro de 2022 a CIG-Servizos presentaba demanda de conflito colectivo solicitando que se declarara o dereito do persoal subrogado (79 traballadores e traballadoras) adscrito ao servizo de dinamización e mediación sociocultural da rede de centros cívicos do concello de Santiago a rexerse polo convenio colectivo da anterior empresa adxudicataria, Ferrovial Servicios S.A, mentres non entrara un novo en vigor.
A cuestión é que as novas empresas adxudicatarias do servizo -dividido en lotes-, que comezaron a prestar servizos o día 1 de xullo de 2022, comunicaron a subrogación aos traballadores e traballadoras adscritas ao servizo, tal e como se contemplaba nas plicas.
Xunto a isto comunicaron, porén, como convenio aplicable, no caso de Serviplus Total SL e Atlantic Ponte 2000 SLU o III convenio colectivo marco estatal do sector de ocio educativo e animación cultural, cando o convenio de aplicación nos centros socioculturais do concello de Santiago no momento da transmisión era o de Ferrovial, anterior adxudicataria, “tanto por imperativo legal, como pola necesidade de manter as condicións de traballo do persoal afectado pola subrogación”. Condición que viña recollida, ademais, nas propias plicas do concurso.
Responsabilidade do goberno municipal de Bugallo
Para a CIG-Servizos a responsabilidade neste caso “non é unicamente das empresas, senón tamén do anterior goberno municipal -liderado por Xosé Sánchez Bugallo e do concelleiro Javier Fernández, que precisamente dimitiu a causa deste conflito- do momento no que é quen redacta as condicións do concurso, adxudica a concesión e ten que facer cumprir as plicas”.
A CIG-Servizos entende que de ter o concello asumido a súa responsabilidade fronte ás empresas “teríase evitado todo o conflito laboral e social que provocou o cambio unilateral, por parte das adxudicatarias, das condicións laborais e sociais do persoal dos centros cívicos”.
A central sindical agarda ademais que as concesionarias non presenten recurso e, dunha vez por todas, regularicen as condicións do persoal segundo o convenio de aplicación, abonando as cantidades adebedadas desde que tomaron posesión da concesión.