A CIG reclama un SMI de 1.374,74€ ao mes para 2026, a xornada semanal de 35h e estabilidade no emprego
A central defenderá na negociación colectiva un incremento salarial do 5%, limitar a xornada máxima anual aos 210 días e un maior control sobre as mutuas
Nacional -
A CIG reclama situar o Salario Mínimo Interprofesional para o ano 2026 nos 1.374,74 euros mensuais (19.247 € brutos anuais) acadando así o 60% do salario medio no Estado español, un incremento salarial do 5% para o próximo ano e incorporar nos convenios colectivos cláusulas de revisión ligadas ao IPC, avanzar na implantación da xornada laboral de 35 horas á semana, maior control sobre as mutuas e frear os abusos na contratación fixa-descontinua e a tempo parcial.
Así o anunciaron esta mañá en rolda de prensa o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, quen debullaron as propostas da central nacionalista en materia de incremento salarial e negociación colectiva para o ano 2026, unha vez coñecidos os datos que anualmente proporciona a Axencia Tributaria a través da estatística “Mercado de traballo e pensións nas fontes tributarias”.

Carril explicou que destes datos oficiais determínase que o salario medio no Estado español durante 2024 foi de 32.078 euros/ano. Con esta contía de referencia e atendendo ás recomendacións da Carta Social Europea, que estabelece que o SMI debe estar cando menos no 60% do salario medio para poder garantir unha vida digna, para 2026 a CIG propón aumentar o importe do Salario Mínimo Interprofesional até os 1.374,74€ ao mes ou 19.246,80€ brutos anuais.
Salientou os criterios que emprega a CIG para o cálculo do salario medio son os mesmos que utiliza Eurostat, coa diferenza de que o indicador europeo inclúe os datos fiscais das comunidades con facenda propia (Euskadi e Nafarroa).
Xunto á suba da contía, dende o ano 2019 a CIG reivindica que os decretos nos que se aproba o SMI se especifique o carácter non compensábel, nin absorbíbel de ningún dos complementos salariais; así como a eliminación do IPREM como indicador de renda pública para calquera tipo de prestación.
O secretario xeral lembrou que o incumprimento reiterado do marcado pola CSE a respecto do SMI, levou a CIG a presentar unha reclamación colectiva ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais contra o Estado español que está pendente de resolverse. E criticou que ano tras ano o Goberno estatal incumpre a súa obriga de consulta ás centrais sindicais que teñen a condición de máis representativas, como a CIG.
Advertiu que das 1.106.738 persoas asalariadas en Galiza en 2024, un total de 376.858 (34,1%) percibiron ingresos inferiores ao SMI, cando no ano 2009 esta porcentaxe estaba no 26,6%. Para Carril estas cifras evidencian as consecuencias prexudiciais e a precarización que supuxeron para clase traballadora as sucesivas reformas laborais.
Denunciou que catro anos despois da aprobación da última reforma, o mercado de traballo caracterízase pola elevada rotación, a temporalidade, o incremento da parcialidade -que representa xa o 15%- e a pobreza salarial. Segundo os datos da Axencia Tributaria, apenas o 39,1% da poboación galega asalariada supera os 20.000 euros de ingresos anuais “e o 20% da poboación activa vive atrapada polos baixos salarios”. Neste punto, destacou que nos últimos anos os salarios perderon capacidade porque non medraron na mesma contía que o IPC real.
Neste senso, incidiu Carril en que o incremento do SMI favorece a diminución da fenda salarial de xénero, situada no 17,7%, e que a poboación máis nova non estea condenada á pobreza laboral. “Subir o SMI até a contía que demanda a CIG beneficiaría de maneira directa, cando menos, a 175.403 persoas asalariadas en Galiza”, apuntou.
Durante o presente ano, o incumprimento da CSE significou “que cada persoa traballadora que debera verse beneficiada pola suba do SMI cobrou de 136 euros menos ao mes”. Este deterioro, alertou o secretario xeral, pode agravarse á vista das propostas formuladas polo Goberno español para 2026, segundo tribute ou non o importe: 1.221 euros/mes ou 1.240 euros/mes. “Isto suporía ir con dous anos de atraso con respecto á CSE, xa que este importe debería ter sido o SMI de aplicación en 2024, ano no que a CIG demandou un SMI de 1.253 euros”.
A diverxencia afonda no caso da proposta ridícula da patronal (1.202 euros) que nin sequera garante o mantemento do poder adquisitivo ao non subir acorde ao IPC. As peticións de CCOO e UGT, situadas nos 1.273 euros, tamén chegan cun par de anos de atraso se temos en conta o que marca o tratado europeo.

Carril contrapuxo estas propostas do Goberno, patronal e sindicatos estatais coas previsións de ingresos das grandes empresas que cotizan no IBEX, que acadan “cifras obscenas de beneficios. O Banco Santander anunciou un aumento de beneficios que pode superar o 11%, Naturgy de máis do 5,6% ou Endesa en máis dun 21,9%”.
Neste contexto, ante a falta de lexislación para recuperar ou xerar novos dereitos, Carril apelou á negociación colectiva como mecanismo fundamental para a mellora real das condicións de vida da clase traballadora e á mobilización e á “folga como o instrumento para facer valer esas reivindicacións da clase obreira”.
Salarios, xornada, control das mutuas e contratación
O secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío centrou en catro cuestións principais os obxectivos que se marca a CIG en materia de negociación colectiva para 2026: salarios, a xornada laboral, o control das mutuas e a contratación.
Sobre o primeiro punto, a CIG defenderá unha suba salarial do 5% para o ano 2026, que equivalería a un incremento de 115 euros mensuais, e do 4% para 2027, arredor de 92 euros mes; ampliar o número de convenios colectivos que contan con cláusula de revisión salarial (só presente no 40% dos marcos reguladores) para garantir o mantemento do poder adquisitivo e atallar os problemas de carestía de vida e alta inflación; estabelecer un salario mínimo de convenio situado nos 1.375 euros/mes (o SMI reivindicado pola CIG); e incorporar medidas contra a desigualdade salarial entre homes e mulleres relativas á transparencia salarial e ás auditorías retributivas.
No referido á xornada laboral, González Sío reclamou unha xornada semanal de 35 horas, no camiño das 32 horas, como medida ademais de fomento de reparto do traballo; e limitar a xornada máxima anual aos 210 días fronte aos 225 días actuais. “Entendemos que eses 15 días menos ao ano (pola vía de aumentar licencias ou vacacións) son unha cuestión fundamental para atender as reclamacións das persoas traballadoras”, aseverou.
Sobre o control das mutuas, o secretario confederal de Negociación Colectiva rexeitou que estas axencias poidan xestionar as incapacidades temporais por continxencias comúns derivadas dos trastornos musculo-esqueléticos, que advertiu, a CIG confrontará na negociación colectiva.
Explicou que baixo a escusa do elevado absentismo, o Ministerio da Seguridade Social aprobou que se poidan facer convenios nas comunidades autónomas coas mutuas para que xestionen estas incapacidades, sen ir ao cerne do problema: os altos ritmos de traballo, o estrés laboral, as longas xornadas de traballo e os propios recortes na sanidade pública.
“Se a Xunta de Galiza vai para adiante con estes convenios coas mutuas será un motivo de conflito, porque non imos permitir que se criminalice ás persoas traballadoras con problemas de saúde”, afirmou.
A respecto da contratación, González Sío cualificou a reforma laboral de 2021 “de auténtico fracaso”, como evidencia o aumento dun 30% do número de despedimentos. Situación que atribuíu a manter vixente a reforma do PP de 2012 combinada coa introdución de novas formas de precariedade. Segundo os datos do paro rexistrado, os contratos temporais xa están en niveis previos á reforma de 2021 e as contías dos despedimentos caeron un 20% debido ao abuso no contrato fixo-descontinuo e a tempo parcial.
Fronte a esta realidade, a CIG demanda a estabilidade no emprego estabelecendo medidas na negociación colectiva para fomentar a contratación indefinida nas empresas, topar as porcentaxes de persoal temporal, limitar a contratación a tempo parcial e fixa-descontinua “porque vai a significar que as persoas teñan mellores condicións laborais e mellores salarios”.

