Persoal do servizo de limpeza de Correos mobilízase en Compostela en demanda do pagamento das nóminas

Denuncian que a concesionaria pretende que o persoal se mobilice para presionar á entidade e que lle pague máis

Compostela -

Traballadoras do servizo de limpeza de Correos, concesionado á empresa Limpiezas JCórdoba (STC), concentrábanse esta mañá, primeiro diante da oficina de Correos en Lavacolla e despois na principal de Compostela, na rúa do Franco, para demandar que a empresa proceda ao pago inmediato da última nómina.

Segundo explicou o representante da CIG-Servizos, Xabier Torea, a situación afecta ás traballadoras e traballadores dos servizos de limpeza das dependencias de Correos das catro provincias mais tamén se repite no resto do Estado.

Para Torea a orixe desta situación está no momento da propia licitación, á que só concorre Limpiezas JCórdoba. “Non é normal que só che concurse nada máis que unha empresa, que non che vaian sete ou oito empresas a un concurso ou a un lote. Iso quere dicir moito”.

E o que ao seu entender quere dicir é que a cantidade ofertada por Correos debía ser, xa de partida, moi baixa “cando nin sequera se presenta ao concurso a empresa que xestionaba o servizo até ese momento”. A partir de aí considera que a gañadora do concurso, para conseguir a concesión, presentou unha oferta con “baixa temeraria”, isto é, por debaixo dos custos reais do mantemento do servizo e dos salarios que é o que estaría provocando a actual situación.

Salarios sen pagar

O representante da CIG-Servizos denuncia que agora o problema é que o persoal non cobrou a nómina do mes de maio, o que vén sumarse a outros incumprimentos, como non atender as incidencias que xorden a diario no servizo: falta de uniformidade, de material de traballo ou a falta das máquinas de limpeza de xeito operativo.

Xabier Torea considera que con estes impagos a empresa pretende obrigar ás traballadoras a saír á rúa a defender os seus dereitos e aproveitar esta presión sindical para solucionar os seus conflitos particulares con Correos”.

Por iso exixe a STC que proceda de inmediato a aboar a nómina adebedada ao persoal e advirte que, do contrario, iniciarase un conflito sindical coa convocatoria de mobilizacións e a adopción de todas as medidas necesarias para garantir os dereitos das traballadoras e traballadores. Medidas entre as que xa se adoptou a de denunciar esta situación perante a Inspección de Traballo.

Volver