Persoal do servizo de limpeza da UVigo concéntrase contra os despedimentos

A CIG-Servizos reclama a readmisión das tres persoas afectadas e advirte dos numerosos incumprimentos da empresa concesionaria

Vigo -

Persoal do servizo de limpeza da Universidade de Vigo adscrito ao Lote 3 concentrouse este luns ás portas da Reitoría para reclamar a readmisión das tres persoas despedidas e que a empresa concesionaria cumpra coas súas obrigas laborais. A protesta estivo precedida dunha asemblea de traballadoras e traballadores na que a CIG-Servizos informou da situación no servizo e da reunión mantida o pasado venres coa equipa reitora para tratar os despedimentos.

A empresa que presta o servizo de limpeza no Campus Lagoa-Marcosende, Brócoli SL, despediu o pasado 10 de xullo a tres persoas alegando causas organizativas e económicas por unha resolución da Reitoría relativa á liquidación económica, determinación do cumprimento prestacional e minoración da facturación por incumprimento da xornada horaria mínima do Lote 3.

Para a CIG-Servizos de Vigo esta decisión agrava os reiterados incumprimentos que a empresa está realizando dende que se fixo cargo deste servizo en agosto de 2025 con continuas modificacións substancias das condicións laborais, persecucións, acoso e presións sobre o cadro de persoal.

Explican que estas irregularidades, que serán postas tamén en coñecemento da Inspección de Traballo, atinxen dende o incumprimento da normativa de prevención de riscos laborais, infracotizacións, non recoñecemento de categorías profesionais de especialistas estabelecidas no convenio colectivo de Limpeza de Edificios e Locais da UVigo, até recortes nos produtos de limpeza, incumprimentos das frecuencias de limpeza segundo o prego administrativo, ameazas e persecucións as traballadoras e traballadores.

Incluso, advirte a CIG-Servizos, se teñen detectado irregularidades nas fichaxes “coa inserción por parte de Brocoli SL de persoal externo ao persoal subrogado que realiza fichaxes, pero que logo abandona os centros sen realizar os traballos de limpeza pertinentes”. 

Reunión coa universidade

Tras producírense os despedimentos, a CIG-Servizos e a representación sindical mantiveron o pasado venres, 17 de xullo, unha xuntanza coa reitora, a xerencia e o vicerreitor económico da UVigo “para trasladarlle a preocupación por esta medida e informar á nova equipa dos posíbeis incumprimentos dos pregos administrativos por parte do Brócoli SL, en diferentes cuestións relacionadas co servizo de limpeza, e dos indicios de irregularidades que temos detectado”.

Na concentración de hoxe aproveitouse para remitir un escrito á Xerencia e a Reitoría reiterando a petición de intervención para a reincorporación inmediata das persoas despedidas, información da resolución alegada pola empresa, que se investiguen os incumprimentos nos pregos de condicións e a rescisión do contrato por tal motivo.

O Lote 3 do servizo de limpeza inclúe o Edificio Fundición, a Escola de Enxeñeira de Telecomunicacións, a Escola de Enxeñeira de Minas e a Escola de Enxeñeira Industrial, e no mesmo traballan un total de 23 persoas con antigüidades que van dende os dous até os seis anos.

Volver