Persoal de Telefónica protesta en Vigo contra o despido de 300 dos 600 traballadores/as da empresa en Galiza

A CIG denuncia que a compañía pretende chantaxear os empregados/as de cara á negociación do próximo convenio

Vigo -

Un grupo de traballadores/as de Telefónica mobilizouse hoxe diante das instalación da empresa no Calvario, en Vigo, convocados pola CIG coincidindo coa xornada de folga que se desenvolveu a nivel estatal para rexeitar as pretensións da compañía de despedir de 5000 empregados/as no conxunto do Estado (300 deles/as en Galiza). Dende a central sindical denuncian que con este anuncio a compañía pretende chantaxear os empregados/as de cara á negociación do próximo convenio colectivo.

O chamado Plan Estratéxico presentado pola compañía de telecomunicacións contempla o despido de 5000 traballadores/as en todo o Estado e a centralización do resto en seis únicas localidades: Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Bilbao e Valladolid. En caso de aplicarse finalmente en Galiza  suporía a perda de 300 dos pouco máis de 600 empregos existentes e o peche dos centros de traballo de 15 localidades.

Dende a CIG denuncian que con estas decisións a empresa pretende chantaxear o persoal de cara á negociación do novo convenio colectivo en 2024. Ao mesmo tempo, anuncia que continuará coas protestas todos os mércores, coincidindo coas xuntanzas negociadoras tanto do ERE extintivo como do propio convenio.

Volver