Persoal de Linorsa estenderá as protestas ás distintas concesións públicas para esixir o pago dos soldos e das extras pendentes

Empregadas/os da firma de limpeza mobilizáronse no Concello de Vigo e na Xunta en Lugo

Vigo -

O persoal de Linorsa decidiu estender as protestas ás distintas concesións públicas para reclamar o pago dos salarios e das extras pendentes. Traballadoras/es da empresa de limpeza mobilizáronse hoxe no Concello de Vigo e na Xunta en Lugo.

Galería de imaxes da mobilización en Vigo

O cadro de persoal de Linorsa aposta por incrementar a presión sobre os organismos públicos que teñen contratado o servizo de limpeza coa empresa co obxectivo de lograr que lles abone os soldos e as pagas extras que lles adebeda.

Así, esta mañá realizaron unha concentración de protesta no interior do Concello de Vigo e diante da Xunta en Lugo. No caso da cidade olívica as mobilizacións continuarán este luns no pleno municipal e o martes no exterior dos Xulgados ás 11.00 horas. Tamén as traballadoras e traballadores de Lugo levarán as protestas o vindeiro luns ás portas dos Xulgados da cidade.

Os comités de empresa de Vigo tamén lle remitiron hoxe un escrito ao alcalde no que reclaman que se lle rescinda a concesión ante os impagos ou que sexa a propia empresa a que ceda o servizo a outra compañía. “A resposta do Concello foi que van enviarlle un escrito aos responsábeis da empresa para comunicarlles que no caso de que non paguen os salarios do persoal serán sancionados economicamente”, explican dende a CIG-Servizos.

Así mesmo, dende a CIG-Servizos de Lugo reiteraron as críticas á Xunta de Galiza pola "inxustificábel e vergoñenta pasividade"  que mantén coa empresa, "á que permite facer o que quere sen esixirlle o cumprimento en materia laboral que se lle require a unha empresa que é prestadora de servizos para a Administración Pública".

Na actualidade Linorsa é concesionaria dos servizos de limpeza das dependencias de numerosos organismos públicos en toda Galiza, como Concellos, Xunta Deputacións, Xulgados, ambulatorios, colexios ou aeroportos.

Volver

Novas relacionadas