Persoal das residencias continúa en Ferrol coas protestas para exixir un convenio digno con salarios xustos
Denuncian que a proposta patronal nin mellora as condicións económicas nin ten avances sociais suficientes
Ferrol -
Traballadoras das residencias privadas continuaron este mércores coas mobilizacións para reclamar un convenio colectivo que dignifique as condicións salariais e laborais do sector. Nesta ocasión, a protesta realizouse diante da residencia DomusVi de Ferrol, onde as compañeiras amosaron o seu rexeitamento a unha proposta patronal "que non fai máis que afondar na precariedade económica e social na que estamos a desenvolver o noso traballo".
A responsábel de residencias privadas da CIG-Servizos de Ferrol, Beatriz Fernández, lembrou que dende o convenio anterior asinado por UGT e CCOO, "as empregadas arrastramos unha perda de poder adquisitivo dun 7,8%. Se a isto lle sumamos que a suba do SMI aplicada polo Goberno foi do 24,4%, atopámonos con que as categorías máis baixas de convenio non alcanzan o SMI, e a meirande parte das categorías profesionais intermedias quedan a 10€ do Salario Mínimo Interprofesional do ano 2024".
Pero ademais, a proposta da patronal non só empeora as condicións económicas, senón que tampouco recolle avances sociais suficientes. Por iso, subliñou Fernández, as asemblea de traballadoras e traballadores das residencias privadas de maiores rexeitaron a proposta de convenio realizada pola patronal. "Non estamos dispostas a seguir aturando unhas condicións denigrantes, de escravitude, na que se nos ofrece as migallas dun sector no que as sete grandes empresas obtiveron 1.664 millóns de euros de beneficios", denunciou.
Con este calendario de mobilizacións convocado pola CIG tamén se quere chamar a atención sobre a actitude que en todo este tempo está a ter a Xunta de Galiza "coa súa conselleira de Política Social, Fabiola García, á cabeza, a quen se lle enche a boca falando do modelo de coidados e residencias, cando o único que fan é enriquecer con cartos públicos a estas empresas ás que so lles interesan os beneficios e precarizan e deterioran o servizo".
Critica que a Xunta non exerce o seu labor inspector e permite estas prácticas empresariais vergoñentas que mercantilizan e converten os coidados nun privilexio. "Están a converter as residencias de maiores en fábricas de precariedade", denuncia. "Estas empresas fan caixa a conta das persoas usuarias, empobrecendo cada vez máis a calidade da atención que prestamos ás persoas maiores".
A CIG levou adiante unha campaña para reclamar a equiparación das condicións laborais coas que existen nas residencias de xestión pública e para reclamar un aumento das ratios de persoal, "pois aínda que na práctica realizamos o mesmo traballo que o persoal das públicas, o persoal das residencias privadas padecemos unhas condicións de auténtica explotación".
Sobre as ratios, Fernández apunta que o número mínimo de persoas traballadoras que corresponden por cada persoa usuaria nunha residencia privada ou de xestión privatizada está regulada pola Xunta de Galiza, "que leva sen actualizar as ratios dende o ano 1996. Unhas ratios desfasadas que en moitos casos as empresas nin as cumpren".
Por todo isto, a CIG avanza que as traballadoras e traballadores deste sector van continuar coa loita "porque queremos unhas condicións laborais dignas". A próxima mobilización será o mércores 27 en Santiago de Compostela.
Novas relacionadas