Persoal da limpeza de Lugo inicia mobilizacións por un convenio que dignifique os seus salarios

Lugo -

Traballadoras e traballadores da limpeza de Lugo concentráronse este martes diante da sede da patronal para reclamar un convenio colectivo que, dunha vez, dignifique os soldos e as condicións laborais do sector. Lembran que, malia ser considerada unha actividade esencial durante a pandemia, as táboas salariais do convenio quedaron por debaixo do SMI e a patronal pretende, nesta negociación, perpetuar esta precariedade.

O convenio da limpeza de edificios e locais de Lugo venceu a 31 de decembro de 2021 e aínda que en outubro dese mesmo ano as centrais sindicais instaron a constitución da mesa negociadora, pola desidia da patronal non foi posíbel iniciar o proceso até agosto de 2022.

De feito, explica Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos de Lugo, os sindicatos tiveron que dirixirse por escrito á sede da patronal estatal, ASPEL, en Madrid para poder constituír a mesa. Unha actitude que evidencia o nulo interese do empresariado por actualizar as condicións salariais e laborais das traballadoras e traballadores deste sector na provincia.

Proposta de miseria

Na última xuntanza, o pasado 21 de abril, a patronal presentou unha oferta económica consistente nun incremento das retribucións do 12% a repartir nos catro anos de vixencia do convenio (2022 a 2025), mais sen xerar atrasos e sen contemplar unha cláusula de revisión que permita garantir o mantemento do poder adquisitivo.

Para a CIG-Servizos esta proposta é unha auténtica tomadura de pelo a todo o persoal, tendo en conta que en Lugo as táboas do convenio xa quedaron por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional. "Estamos falando de que unha limpadora cobra de salario base 13.594€/ano en 15 pagas. O que propón a patronal suporía consolidar esta precariedade e deixar os salarios do sector na miseria", valora.

Neste senso, Castiñeira explica que a plataforma trasladada pola parte social (antes de aprobarse o último incremento do SMI e coñecer como quedaría o IPC de 2022), contempla aumentos do 6,5% para 2022, do 4,5% para 2023 e do 5,5% para 2024, e  cunha cláusula de revisión salarial anual conforme ao IPC real.  Matiza que, aínda aplicando estas subas, o salarios do convenio quedarían moi pouco por enriba do SMI, polo que considera que é unha reivindicación totalmente asumíbel por parte da patronal.

Non se descarta a convocatoria de folga

A este respecto, Castiñeira critica o seguidismo do empresariado local que se prega ao que di na mesa a patronal estatal, sen ter en conta as condicións particulares do convenio de Lugo. "Sempre ocorre o mesmo, a media dos incrementos que se estabelecen para o Estado é o queren impor no convenio provincial. Pero a situación e os salarios en Lugo non teñen nada que ver cos do resto de Galiza, aquí son moi inferiores".

Por iso, a representante da CIG reitera que a oferta da patronal "non nos vale" e que este é o momento de dignificar os soldos das traballadoras e traballadores da limpeza, despois de anos de empobrecemento e perda da capacidade adquisitiva.

Para o próximo xoves, 18 de maio, está convocada a mesa de negociación e, de non producírense avances significativos en materia económica, as centrais sindicais intensificarán as mobilizacións non descartando a convocatoria dunha folga sectorial.

"Pero se temos que chegar á folga, salienta Castiñeira, non será pola actual plataforma. As reivindicacións serán outras e serán superiores, isto que o teña claro a patronal", conclúe.

Volver