Persoal da CRTVG maniféstase contra os abusos e a manipulación informativa

Concentráronse na praza do Toural, coincidindo coa primeira xornada de folga

Nacional -

As traballadoras e traballadores da CRTVG alzaron hoxe as súas voces contra a dirección da Corporación para denunciar as presións, abusos e imposicións que sofren. Un clima de relacións laborais que cualificaron de “insostíbel” que vén sumarse a unha política de manipulación sistemática de contidos que, tal e como denunciaron, fai que a xente que ve ou escoita os medios públicos galegos se pregunte onde está a Galiza da que se fala, porque non coincide coa realidade.

A mobilización que protagonizaron esta mañá coincidía coa primeira das dúas xornadas consecutivas de folga que teñen convocadas para hoxe e mañá e tras da celebrada o pasado día 6 de marzo. No decurso da mesma foron moitas as traballadoras e traballadores que saíron a relatar o seu caso particular, para retratar así unha situación que, en realidade, é xeneralizada. Casos en que se personificaron as denuncias respecto da grave degradación das relacións laborais, de desmantelamento de medios materiais e humanos e de deturpación da función de servizo público na CRTVG, que, como lembraron, “vén de moi atrás, pero nunca chegou ao punto crítico no que está hoxe”.

Ausencia de proxecto para os medios públicos galegos

Unha situación da que responsabilizaron tanto a dirección do ente como ao goberno do PP, tanto con Rueda como con Feijóo, e que consideraron que é froito dun proceso histórico viciado con causas políticas profundas por mor da ausencia “dun verdadeiro proxecto de medios públicos ó servizo dun país xenuíno e único como é Galicia”.

Así o explicou un dos numerosos traballadores e traballadoras que deixaron o seu testemuño, Xosé Manuel Vega, quen afirmou que “nunca existiu tal proxecto para a CRTVG porque en realidade, nunca existiu nin existe un proxecto político de país único e xenuíno para Galicia, e dentro da Constitución e do Estatuto, : un proxecto autocentrado, pensado e executado desde Galicia, en función das nosas necesidades e potencialidades, do que somos e do que debemos ser”.

Nese proxecto propio de país que “nunca existíu”, debería incardinarse o proxecto de medios públicos galegos ó servizo de Galicia, “concibidos como espello do que somos e como motor do que debemos ser como persoas e como pobo”.

Nese sentido, Vega defendeu que eses medios “debían ser motor de concienciación e de mobilización social naquelas cuestións que son unha ameaza para a nosa existencia como pobo” e considerou que “esa debería ser a base dunha axenda informativa propia, que realmente nunca tivemos”.

A este respecto lembrou, por exemplo, a ausencia de debate, na CRTVG, respecto da invasión eólica por terra e por mar que vai facer que se enchan “todos horizontes de muiños eólicos” e que hai xa máis de 20 anos, un grupo de 20 xornalistas da CRTVG promoveron unha iniciativa lexislativa popular para democratizar os medios públicos, empezando por que o director xeral deixase de ser nomeado directamente polo presidente da Xunta.

“Aquela proposición de lei defendina eu mesmo no Parlamento de Galicia e foi rexeitada polo Partido Popular. Pasou demasiado tempo, eu xa vou indo vello, e os males foron a máis”, apuntou. Por iso recoñeceu que é difícil ser optimista, “porque non se ve nin se intúe, por parte de quen nos goberna, a capacidade política nin a valentía para concibir, enunciar e executar un plan de futuro para Galicia e para os medios públicos galegos” mais concluíu afirmando  que, “se abandonamos os soños, somos perfectamente prescindibles, así que seguiremos loitando e perseguindo soños”.

Volver