Persoal da CRTVG concéntrase no Senado para denunciar o papel de Feixó na situación dos medios públicos galegos

Coincidiu coa cuarta xornada de folga intermitente, baixo o lema “Non máis abusos”

Nacional -

Traballadoras e traballadores da Corporación Pública de Radio Televisión de Galiza concentráronse a primeira hora da tarde ás portas do Senado, en Madrid, baixo o lema “Non máis abusos”. A mobilización coincidiu coa comparecencia de Alberte Núñez Feixó, como senador, na cámara e coa cuarta xornada de folga intermitente que o persoal dos medios públicos galegos vén secundando dende o pasado mes de marzo.

O persoal da CRTVG considera ao senador Alberte Núñez Feixó, responsable, durante o seu mandato como presidente da Xunta de Galiza, entre 2009 y 2022, da grave situación de “manipulación informativa e represalias” ás traballadoras en que deixou os medios públicos galegos.

Neste sentido o presidente do comité intercentros, Tiago Alvite, en declaracións aos medios de comunicación, denunciou a “marxinación laboral severa con vulneración de dereitos” como o do progreso profesional ou o de ter unha ocupación efectiva, mais tamén o “trato discriminatorio e degradante, a apertura de expedientes sancionadores arbitrarios ou os traslados forzosos.

Alvite considerou que esta situación é consecuencia da actuación dunha “dirección ilegal, nomeada a dedo e autoritaria” á que acusou de ter como obxectivo “someter os medios públicos” en favor do goberno do Partido Popular.

Novas xornadas de folga

Durante esta xornada celebrábase tamén a cuarta xornada de folga na que a tónica xeral foron as redaccións baleiras o que provocou que caeran da grella programas como “Ao Contraatque” ou “Pensando en ti” e que na TVG o Bos Días se emitira sen deportes e que caera A Revista.

O comité intercentros anunciou ademais novas xornadas de folga na CRTVG os días 12 e 28 de maio, cadrando coa apertura da campaña das eleccións municipais e o propio día das eleccións.

Os obxectivos da folga son reclamar o cesamento dos abusos e restablecer un clima laboral respectuoso cos dereitos das traballadoras e traballadores do ente público e erradicar o trato degradante que os superiores xerárquicos e funcionais inflixen ás persoas traballadoras ao seu cargo.

Reclaman ademais a realización, sen demora, do estudio psicosocial acordado no Comité de Seguridade e Saúde Laboral e que se repoña nos seus respectivos medios de orixe ao persoal que -como represalia- foi trasladado da radio a internet e televisión e da televisión á radio.

Xunto a isto exixen a fin da imposición, por parte da dirección da CRTVG, de novas funcións no contexto do cambio tecnolóxico.

Traslados como castigo

O comité intercentros denuncia os traslados forzosos de medios de traballadoras como medida de castigo. “É a manifestación máis recente desa situación xa insostíbel de abusos laborais á que esta folga ten de poñer fin e defender a dignidade das persoas traballadoras que reclaman a obxectividade, imparcialidade, a veracidade e pluralismo dos medios públicos galegos”.

Volver