Os días festivos que cadren en sábado deben compensarse cando non existe compensación por outra vía

A sentenza da Audiencia Nacional, con participación da CIG no proceso, enmárcase na liña de recoñecemento progresivo deste dereito

Nacional -

A sentenza da Audiencia Nacional do 19 de maio de 2026 —proc. 158/2026, CEX— declara ilegal a práctica das empresas do sector de centros de chamadas consistente en non compensar cun día de descanso os festivos locais, autonómicos ou estatais que cadren co descanso semanal do sábado. O criterio non se aplica cando a compensación existe por outra vía.  

A sentenza, coa participación da CIG no proceso, enmárcase nunha liña de recoñecemento progresivo do dereito á compensación que ten como fitos máis relevantes as sentenzas do Tribunal Supremo do 9 de xullo de 2024 —rec. 222/2022, Espasa Calpe—, do 30 de abril de 2025 —rec. 113/2023, Zara— e do 11 de marzo de 2026 —rec. 106/2025, Autos Carballo—.

Esta última sentenza do TS, que se corresponde cun conflito colectivo interposto pola CIG perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, estabelece a doutrina que cita a AN na sentenza de centros de chamadas e é a que abre a porta a que a compensación se produza en xornadas que non sexan de luns a domingo, ao indicar que “a solución debe ser similar en todo suposto”.

Con estas últimas resolucións aclárase a doutrina xudicial, até agora algo confusa, e advírtese ás empresas de que non poden facer desaparecer festivos mediante os cadrantes de traballo, sexa cal sexa a xornada das persoas traballadoras.

O criterio non se aplica cando a compensación existe por outra vía

O mesmo día 19 de maio a AN ditou outra sentenza de conflito colectivo —proc. 169/2026, Moeve—, que rexeita a compensación dos días festivos coincidentes con días programados como descanso. A propia sentenza explica os motivos para que a solución sexa diferente da dos centros de chamadas. Neste caso, que afecta a persoas que traballan en réxime de quendas, enténdese que a compensación está implícita no calendario laboral, que programa máis días de descanso para o persoal a quendas que para o que traballa de luns a venres.

Volver