O xulgado recoñece o dereito das traballadoras do SAF de Pantón a ter unha xornada semanal de 37,5 horas

Pantón -

O concello de Pantón terá que recoñecerlle ás traballadoras que prestan o servizo de axuda no fogar unha xornada laboral a tempo completo de 37,5 horas á semana, ao igual que se lle aplica ao resto do persoal laboral municipal. Así o declara a sentenza que vén de emitir o xulgado do Social nº1 de Lugo, a raíz do conflito colectivo presentado pola CIG xa que até agora o Concello obrigaba as traballadoras do SAF que están a xornada completa a traballar 40 horas á semana.

Malia as peticións da CIG e das traballadoras neste sentido, o Goberno municipal negouse en todo momento a recoñecerlle a este colectivo o dereito á ter unha xornada laboral semanal de 37,5 horas, tal e como estabelece dende o ano 2018 a lexislación estatal para o persoal do sector público, incluído as administracións locais.

Para negarlle este dereito, o Concello remitíase ao feito de que as traballadoras do SAF tiñan marcada  nos seus contratos unha xornada de 40 horas semanais. Pero, á falta dun convenio colectivo que regule as condicións laborais do persoal laboral do Concello de Pantón, a xornada legal de aplicación é, e así se apunta na sentenza, a que determina a lexislación xeral no ámbito da función pública.

E neste senso, na sentenza recóllese que "non cabe por contrato de traballo fixar unha xornada que excede a prevista na norma legal". Ademais, na resolución determínase que as traballadoras do SAF teñen xornada semanal de 37,5 horas dende xullo de 2018, polo que agora as compañeiras e o sindicato estudarán a posibilidade de interpor tamén denuncias individuais reclamando as compensacións que lles corresponden polo exceso de xornada realizado.

A CIG critica que o Concello non atendera as xustas e lexítimas demandas das traballadoras, teimando na discriminación que sufrían con respecto ao resto do persoal municipal, e tivera que ser finalmente a xustiza quen lle recoñeza un dereito que xa tiñan por lei.

Lamentabelmente esta é unha evidencia máis do escaso recoñecemento laboral e social  que teñen as traballadoras que prestan os servizos de axuda no fogar (incluso cando o servizo se xestiona directamente pola administración, como neste caso), a pesar de que realizan un traballo esencial para centros de persoas.

Volver