O TSXG declara nulo despedimento dunha traballadora de Pizzerías Cambalache por vulnerar a garantía de indemnidade

A sentenza ordena a readmisión inmediata con abono dos salarios deixados de percibir e condena a empresa a pagarlle unha indemnización

A Coruña -

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza  vén de declarar nulo o despedimento dunha traballadora de Pizzerías Cambalache por entender que a coñecida empresa de restauración vulnerou a súa garantía de indemnidade. A resolución do alto tribunal galego deixa sen efecto unha sentenza previa do Xulgado do Social pola que se declaraba este despedimento como improcedente.

Agora, tras o suplicatorio da CIG en nome da traballadora, o TSXG resolve corrixindo a inadmisión anterior e estima integramente a demanda, recoñecendo a nulidade do despedimento, ordenando a inmediata readmisión da traballadora con abono dos salarios de tramitación, e impóndolle ademais a Pizzerías Cambalache o pago dunha indemnización de 7.501€ polos danos morais.

A sección sindical da CIG mostra a súa satisfacción por esta resolución, derivada dunha actuación que considera como "nefasta" por parte da dirección da empresa. Acusa a dirección de "non negociar nada, de interpor 'recadeiros' dos administradores para ocultarse", e de manter o pulso cos traballadores e traballadoras "a conta da boa imaxe, das boas relacións, e da sanidade financeira da empresa, que están hipotecando con procesos froito da súa incapacidade para un diálogo pacífico e necesario".

Despedida logo de reclamar o goce das vacacións

A traballadora, cociñeira no restaurante que Cambalache ten no CC Marineda City, foi despedida poucos días despois de solicitar, a través da sección sindical da CIG, o goce dos días de asuntos propios aos que tiña dereito. Con anterioridade, a traballadora xa remitira un correo electrónico que non foi contestado pola empresa, comunicando cando quería coller os días que lle restaban das vacacións, sinalando datas para os días de compensación polos festivos traballados e informando que ía tomar un día de asuntos propios.   

A dirección, denuncia a sección sindical da CIG, non tomou con moito empaque este segundo correo, "comparecendo no centro de traballo para entrevistarse coa afectada e rogarlle que evitara comunicarse coa dirección mediante o sindicato".

Poucos días despois sería despedida alegando non superación do período de proba, a pesar de que, como a propia defensa da empresa recoñeceu no xuízo, este período xa fora superado.

Volver