O sector da limpeza da provincia de Ourense inicia protestas pola mellora das condicións laborais
O venres desenvolveron unha concentración diante de Eulen, estes martes 20 farano en Mantelnor e a semana que vén ás portas da CEO para reclamar un convenio digno
Ourense -
O persoal do sector da limpeza da provincia de Ourense iniciou o venres pasado un calendario de mobilizacións en demanda dun convenio colectivo que permita dignificar as condicións laborais. A primeira protesta tivo lugar diante da empresa Eulen, mentres que este martes 20 desenvolverán unha concentración en Mantelnor e a semana que vén farano ás portas da Confederación de Empresarios/as de Ourense (CEO).
A secretaria comarcal da CIG-Servizos de Ourense, Natividad Álvarez, explica que tanto a central como os sindicatos CCOO e UGT decidiron convoca as mobilizacións porque a patronal “presenta en cada xuntanza unha proposta peor”, até o punto que na última ofreceu unha suba salarial do 1,5% para cada un dos anos de vixencia do convenio (2023, 2024 e 2025). “Iso si, inclúen un plus de convenio de 500 euros anuais, pero a cambio de eliminar o de transporte, que é de 200 euros”.
Dende as organizacións sindicais rexeitan esta medida, tendo en conta que o de transporte é un complemento que recibe todo o persoal, independentemente do tipo de xornada que teña, “mentres que o de convenio vai en función do tempo de traballo”. En consecuencia, as negociación permanecen suspendidas, á espera de que o empresariado achegue unha nova proposta, “tal e como dixo que ía facer”.
Álvarez incide en que con este tipo de propostas unha persoa traballadora do sector que non teña antigüidade acumulada vai quedar cuns ingresos inferiores ao salario mínimo interprofesional, e sinala que segundo os cálculos o convenio debera recoller unha suba do 7,2% para chegar ao SMI sen ter antigüidade. Ademais a patronal pretende topar os trienios, de xeito que o plus de convenio se incorpore ao salario base pero os trienios se paguen a razón dos soldos de 2022.
En consecuencia, a parte social optou por iniciar unhas protestas que continuarán este mesmo martes día 20 diante de Mantelnor ás 10:30 horas, mentres que para a semana que vén hai prevista unha nova concentración diante da sede da CEO. “A idea é seguir coas medidas de presión cando menos dúas veces ás semana durante o que resta de mes”.