O sector da limpeza da provincia da Coruña camiña cara á folga por un convenio digno

O persoal celebrará asembleas para abordar a convocatoria de mobilizacións

A Coruña -

O sector da limpeza da provincia da Coruña continuará coas mobilizacións durante este novo período de semiconfinamento decretado pola Xunta de Galiza e ten prevista a convocatoria de asembleas para abordar xa o calendario de folga en canto remate, previsibelmente o 17 de febreiro.

A parte social cualifica de “tomadura de pelo” as propostas das patronais, que pretenden eliminar o dereito á xubilación parcial; o artigo do convenio que regula o dereito a ampliar xornada cando haxa vacantes ou postos libres no centro de traballo ou na empresa; un incremento salarial do 0% para o ano 2020 e un miserento 0,8% para 2021. 

A parte social cualifica de “tomadura de pelo” as propostas das patronais

O representante da CIG na mesa de negociación, Paulo Rubido, denuncia que as empresas pretenden aproveitarse da emerxencia sanitaria para recortar dereitos e conxelar salarios, cando este é un dos sectores que se está a beneficiar da pandemia, porque no último ano incrementou a súa facturación polo reforzo das horas extra de limpeza e as desinfeccións.

Por iso avanza que “pelexaremos para conseguir melloras salariais e non imos permitir que se modifique nin a xubilación parcial, nin a cobertura de vacantes. Ante a actitude destas patronais non nos queda máis que ir á folga para garantir unhas condicións dignas para as máis de 10.000 traballadoras e traballadores da provincia atinxidos por este convenio”.

Volver