O PP tira de maioría para avanzar na tramitación da nova lei de medios públicos proposta pola Xunta
A Plataforma Por unha CRTVG ao Servizo do Pobo concentrouse ás portas do Parlamento para amosar o seu desacordo
Nacional -
A Plataforma “Por unha CRTVG ao Servizo do Pobo” concentrouse esta mañá diante do Pazo do Hórreo, coincidindo co debate de totalidade do Proxecto de lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza para a sociedade dixital.

Con esta protesta (que as traballadoras dos medios públicos acompañaron dunha xornada de folga), a Plataforma, integrada por máis de 40 entidades, denuncia o uso que o PP fixo no Parlamento galego da súa maioría absolutista para transformar a CRTVG no maior aparato de propaganda financiado con cartos públicos ao servizo do goberno da Xunta, é dicir, dos intereses partidistas do Partido Popular.
Este proxecto de lei vai na liña totalmente contraria á Iniciativa Lexislativa Popular “Liberemos a Galega” impulsada pola Plataforma “Por unha CRTVG ao Servizo do Pobo” para poñer fin á manipulación informativa, garantir a independencia dos nosos medios públicos, o pluralismo político, social e cultural e preservar así o noso sistema democrático.

En nome da plataforma, Tareixa Navaza, instou a cidadanía a seguir loitando con ilusión e rebeldía pola defensa duns medios públicos ao servizo de todas ao tempo, a través dunha lei que garanta a pluralidade, diversidade e calidade tanto na elección da dirección e órganos de administración coma nos seus contidos, fronte á “aberración” da lei proposta polo goberno da Xunta.
"Queren tirar polo chan a lei de creación da CRTVG, que ten entre os seus cometidos defender a língua, a cultura, a clase obreira, a este país..., para seguir favorecendo os seus amigos de Madrid e pagando favores", criticou.
Agradeceu tamén o apoio de toda a cidadanía que se mobiliza en defensa de todos os servizos públicos e lembrou que xa se levan recollido 20.000 sinaturas en apio á ILP "Liberemos a Galega".

Cuestinou a falta de debate público arredor "desta afrenta que constitúe" o anteproxecto de lei promovido polo Goberno da Xunta, "cando o 90% da xente do rural se informa pola radio e a televisión galegas". "Se non hai medios públicos con información veraz e que recollan a pluralidade e diversidade do pais non estamos en democracia", aseverou Navaza.
E tomando as palabras de Castelao reclamoulle á cidadanía "que non se deixe anestesiar nin un minuto máis".
Uns medios ao servizo do pobo galego
Ante o secuestro que o PP quere facer dos medios públicos galegos, Por unha CRTVG ao servizo do pobo urxe á súa democratización, tanto na cobertura informativa, que debe respectar de forma escrupulosa a “obxectividade, imparcialidade, neutralidade, veracidade e o pluralismo, erradicando a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais”, como no nomeamento do Consello de Administración e do seu Director ou Directora Xeral.
Por iso incide tamén en que a TVG e a Radio Galega cumpran o fin para o que naceron: a defensa da nosa identidade, da nosa lingua e da nosa cultura, e a promoción activa da igualdade e da diversidade.